A Xunta avanza na construción do novo centro de saúde de Moaña coa colocación dos paneis de madeira da fachada
Está previsto que no vindeiro mes de novembro se remate a estrutura de madeira da infraestrutura sanitaria
Neste mes de agosto os traballos centraranse na colocación dos paneis da fachada da planta baixa, para colocar en setembro o forxado do chan do primeiro andar
As obras contan cun investimento de 8,3 M€ e duplicarán a superficie do centro de saúde existente
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2024
A Xunta avanza na construción do novo centro de saúde de Moaña co inicio, esta semana, da montaxe dos paneis de madeira da fachada da planta baixa.
Tamén se colocaron as ferraxes e o dormente sobre o que descansan os paneis da fachada, impermeabilizouse a cara inferior e levouse a cabo a colocación dunha barreira antitérmites.
A previsión é que neste mes de agosto se remate a colocación dos paneis contralaminados para, en setembro, realizar o forxado do chan da primeira planta.
Estímase que a estrutura de madeira poida estar completada no mes de novembro.
Maior superficie e incremento do número de espazos
O novo centro de saúde de Moaña conta cun investimento da Xunta de 8,3 millóns de euros e supón máis que duplicar o espazo do actual centro situado na Casa do Mar, superando os 3.500m2.
Grazas ao aumento significativo da superficie, crearanse novos espazos. O Plan Funcional do novo centro recolle 8 consultas de medicina, 6 de enfermería, 1 de matrona, sala de toma de mostras, sala de técnicas, 6 salas polivalentes, 2 consultas de pediatría, 2 salas de enfermaría pediátrica e 2 salas polivalentes de pediatría. Ademais, tamén disporá dun despacho de coordinación; 1 sala de educación sanitaria e área bucodental; 1 sala de fisioterapia; así como 1 despacho para o traballador social e sala de telemedicina e ecografías.
Coa construción deste centro de saúde, xunto coa reforma do de Domaio, o Goberno galego está a realizar un investimento de case 9 millóns de euros para a mellora da sanidade pública do Morrazo.