O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe os proxectos beneficiarios de axudas da Administración autonómica nas convocatorias deste exercicio

A Xunta impulsa este ano no concello de Ponteceso accións por case 73.000 euros en infraestruturas destinadas á prestación de servizos municipais e melloras ambientais

O Goberno galego destina este ano case 6M€ á liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental a prol da protección do medio no eido local con actuacións en 125 concellos galegos como as melloras xa iniciadas no centro social de Anllóns

A Xunta tamén destinará outros 3,5 millóns en instalacións municipais como a sede da asociación de veciños da parroquia de Tella en case un cento de entidades locais da comunidade ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público

Ponteceso (A Coruña), 8 de agosto de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Ponteceso, que este ano recibiu axudas por 73.000 euros en accións en infraestruturas municipais e melloras ambientais. Por unha parte, máis de 38.600 euros na reforma sede da asociación de veciños da parroquia de Tella ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público e, por outra banda, outros case 34.000 euros en melloras de eficiencia enerxética do centro social de Anllóns da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).

Ademais, Ponteceso é un dos 185 concellos galegos beneficiarios este ano da orde de axudas da Xunta coa que apoiar a contratación por parte das entidades locais de persoal do servizo de vixilancia e rescate en instalacións e espazos e acuáticos.

No que se refire ás accións previstas do inmoble en Tella, trátase dun investimento financiado coa Orde de infraestruturas de uso público, dotada con case 3,5 millóns de euros e que permitirá levar a cabo neste exercicio proxectos en máis dun cento de concellos de menos de 30.000 habitantes en infraestruturas básicas para a prestación dos seus servizos.

Esta liña de subvencións apoia traballos no alumeado público, na pavimentación de camiños municipais, na creación ou cubrición de parques infantís ou a creación ou reforma de dependencias municipais como os traballos que se realizarán en Tella coa substitución de carpintería e aseos, o pintado do interior ou a renovación do sistema de saneamento. Ponteceso é un dos 28 municipios da provincia coruñesa beneficiarios desta liña por case 1 millón de euros e tamén un dos catro da comarca de Bergantiños que recibiron este apoio, xunto con Cabana, Laxe e Malpica, e por importe total de máis de 144.000 euros.

Por outra parte, este ano o Fondo de Compensación Ambiental a prol das melloras ambientais no eido local suma na súa liña non competitiva un investimento de case 6 millóns de euros para apoiar accións en 125 concellos con parques eólicos no seu territorio. Segundo sinalou o conselleiro, a través deste fondo, fináncianse servizos municipais dedicados á protección do medio e medidas destinadas a evitar a degradación ambiental, actuacións de eficiencia enerxética e enerxías renovables, a compra de vehículos con distintivo ambiental, a utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais ou intervencións en núcleos para integrar a contorna natural e campañas divulgativas. A liña non competitiva supón case a metade do orzamento de máis de 11 millóns do fondo e a contía restante vai dirixida á liña non competitiva poden optar o resto de concellos.

No caso do concello de Ponteceso, recibiu este ano unha axuda de máis de 34.000 euros do FCA para obras que xa están iniciadas no centro social de Anllóns, en concreto, con traballos encamiñados a mellorar a eficiencia enerxética da instalación actuando na envolvente térmica, na iluminación ou no sistema de abastecemento de auga. Diego Calvo destacou que Ponteceso é un dos 49 concellos beneficiados na liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental na provincia da Coruña por 2,2 millóns de euros e un dos cinco da comarca de Bergantiños -xunto con Cabana, Coristanco, A Laracha e Malpica- que recibiron máis de 127.000 euros a proxectos deste tipo.  

O conselleiro de Presidencia enmarcou as accións previstas en Ponteceso e as levadas a cabo nos últimos anos por valor de máis de 1,4 millóns de euros no compromiso da Xunta coas administracións locais a través de distintas liñas de acción, como son as convocatorias de axudas específicas, entre as que figuran a Orde de infraestruturas de uso público o Fondo de Compensación Ambiental, e o Fondo de Cooperación Local. Así, ao longo deste ano distribuiranse entre os concellos de Galicia máis de 602 millóns de euros.

Data de actualización: 08/08/2024