A Xunta fai fincapé na concienciación fronte ás altas temperaturas nas contornas laborais
A campaña Traballo e calor, que forma parte da programación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), pon o foco na necesidade de climatización, de boa alimentación ou de hidratación nos lugares de traballo
A través dun tríptico e dun cartel informativo, e ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, procúrase acadar unhas contornas laborais máis seguras e con máis benestar para as persoas traballadoras
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2024 O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, pon de relevo a súa campaña de sensibilización Traballo e calor, para facer fronte aos riscos relacionados coas altas temperaturas e coa radiación solar nas contornas laborais. En concreto, a iniciativa pon o foco na necesidade de climatización, de boa alimentación e de hidratación nos lugares de traballo, entre outras cuestións.
Deste xeito, trátase de informar e concienciar dos perigos da realización de tarefas a altas temperaturas durante a xornada laboral para mellorar o benestar e a seguridade das persoas traballadoras.
A Xunta de Galicia dá a coñecer, a través deste proxecto do Issga, os grandes riscos da calor no desenvolvemento de tarefas laborais, especialmente en épocas estivais. Neste sentido, a campaña achega de xeito explicativo as medidas de prevención orientadas a reducir a exposición a estes axentes de risco das persoas traballadoras.
Un dos principais riscos é o estrés térmico, cando existe unha situación de tensión por calor, isto é, unha acumulación de excesivas temperaturas no corpo. Esta situación dáse por mor da suma da carga de traballo, dos factores ambientais da zona onde se traballa e da resposta fisiolóxica que o organismo dá como resposta á suba de graos no termómetro, máis aínda cando o traballo é realizado en verán, ao aire libre ou co uso de equipos de protección individual (EPI).
Nesta liña, o Issga desglosa -a través dun tríptico e dun cartel informativo- algunhas medidas preventivas como é facer pausas e descansar cando aparezan os primeiros síntomas de sobrecarga por calor, informar ás persoas superiores da situación se están padecendo calor, beber auga frecuentemente (aínda que non se teña sede), non tomar bebidas alcohólicas, café ou abondosas comidas na xornada laboral e empregar, na medida do posible, roupas lixeiras, folgadas e de tecidos naturais, ademais de protexer a cabeza cun sombreiro, entre outras recomendacións.
Estratexia 2024
Esta acción enmárcase no plan de actuación do Issga do ano 2024, aínda que se vén desenvolvendo xa en exercicios anteriores dentro da súa aposta pola promoción da prevención de riscos laborais. Así mesmo, lánzase ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, en execución para fomentar un mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro.
Nese senso, cómpre engadir que o Issga desenvolve, desde a súa creación, diferentes actuacións dirixidas á mellora das condicións de traballo nas empresas como é o caso da sensibilización fronte á exposición á radiación solar e ás altas temperaturas nos espazos de traballo.
Ligazón á campaña: