A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora da drenaxe das estradas PO-550 e PO-504 en Meaño e Sanxenxo, na que investirá preto de 465.000 €

A actuación prevista busca resolver os problemas detectados na interconexión entre as redes de pluviais e fecais destas dúas vías autonómicas nos estudos do Plan de Saneamento local na Ría de Arousa realizados por Augas de Galicia

O proxecto inclúe as obras necesarias para que a rede de drenaxe destas estradas, na súa zona de proximidade á ría, funcione de modo independente da rede de saneamento

Tamén aborda a continuidade dunha beirarrúa de 90m na marxe esquerda da PO-504 en Sanxenxo, completando as accións xa executadas de mellora da seguridade viaria e peonil, cun investimento de máis de 1M€

A previsión da Xunta é aprobar definitivamente o proxecto a finais de 2024 e licitar as obras no ano 2025

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2024

A Xunta somete a información pública o proxecto para executar a mellora da drenaxe das estradas PO-550 e PO-504 en Meaño e en Sanxenxo, así como a relación de propietarios afectados pola actuación. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar este acordo e establece un prazo de 30 días hábiles a contar desde este luns, 12 de agosto, para que as persoas interesadas poidan formular as súas alegacións.

A citada actuación conta cun orzamento que rolda os 465.000 euros e ten como obxectivo a resolución dos problemas identificados nestas estradas de titularidade autonómica pola entidade hidráulica da Xunta, Augas de Galicia, no marco dos estudos do Plan de Saneamento local na Ría de Arousa. En concreto, identificáronse 10 puntos problemáticos, dous na PO-504 no seu tramo máis próximo á PO-550, e os outros 8 na propia PO-550.

Deste xeito, desenvolveranse as intervencións precisas para que a rede de drenaxe das estradas PO-550 e PO-504 funcione de xeito independente da rede de saneamento na súa zona de proximidade á ría de Arousa.

Ademais, o proxecto tamén dá continuidade ás distintas intervencións realizadas o pasado ano de mellora da seguridade viaria e peonil da PO-504, vía de 4,46km que vertebra de norte a sur o concello de Sanxenxo, ás que se destinaron un investimento de máis de 1 M€.

Trátase de completar a mellora da accesibilidade peonil no itinerario desta vía autonómica, que ten unha interrupción, entre os puntos quilométricos 4+260 e 4+340. Deste xeito, neste treito proponse a execución de beirarrúa na marxe esquerda da estrada permitindo a conexión entre o tramo anterior e posterior da mesma vía e mellorar a seguridade peonil, para o que é precisa a expropiación de 2 predios.

A previsión da Xunta é aprobar definitivamente o proxecto a finais de 2024 para poder realizar a convocatoria dos actos de levantamento das actas previas das expropiacións e licitar as obras no ano 2025. O prazo para acometer os traballos é de 12 meses.

Trátase dun proxecto coordinado entre Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas, que terá consecuencias positivas tanto para as estradas autonómicas PO-504 e PO-550 como para a calidade das augas.

A documentación relativa ao proxecto está a disposición da cidadanía na sede central da Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra (avenida Mª Victoria Moreno, 43, 1ª planta) e nas Casas consistoriais de Meaño e Sanxenxo.

Así mesmo, a documentación íntegra do proxecto e un extracto do documento, cos obxectivos, localización e descrición da actuación, estarán dispoñibles na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas no seguinte enderezo: https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/informacion-publica/estudos

Data de actualización: 11/08/2024