A Xunta somete a información pública o anteproxecto de concesión do aparcadoiro do Hospital Novo Montecelo que creará preto de 900 prazas
A infraestrutura concíbese como unha ampliación da avenida Montecelo na vertente cara a ría de Pontevedra
Ábrese o prazo dun mes para facer observacións sobre a localización e as características da obra, ademais da súa declaración de utilidade pública
O aparcadoiro ofrecerá tarifas similares ás do Hospital Álvaro Cunqueiro, coa primeira media hora gratuíta
A Xunta está a investir preto de 170 millóns de euros nas obras de ampliación do novo hospital público de Pontevedra
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2024
A Xunta publica, no Diario Oficial de Galicia de hoxe, o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o anteproxecto de concesión de obra pública do aparcadoiro do Hospital Novo Montecelo, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo anteproxecto que permitirá a creación de 892 prazas.
O aparcadoiro desenvolverase no solar da beirarrúa contraria da avenida Montecelo na vertente cara a ría de Pontevedra. O anteproxecto propón a realización de catro bandexas ou plataformas agrupadas de dúas en dúas, abertas e comunicadas entre si, que orixinan unhas circulacións en anel para resolver os desniveis mediante ramplas de conexión ortogonais ao desenvolvemento das plataformas. Debido á lonxitude do novo hospital, realizaranse cinco núcleos de acceso peonil ás plantas do aparcadoiro desde o exterior.
O anteproxecto prevé, polo tanto, a construción dun aparcadoiro subterráneo de catro plantas que arranca desde o nivel -1 ata o nivel -4, adaptándose á topografía do terreo en toda a fronte do hospital.
O prazo para presentar alegacións ao anteproxecto será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación hoxe do anuncio no DOG.
Estímase que o investimento necesario para a construción do novo aparcadoiro sexa de 11.025.663 € (IVE incluído), cun prazo de explotación previsto no contrato de 25 anos. Para poder garantir a viabilidade da concesión coas tarifas establecidas, será necesario que a Xunta realice un esforzo económico adicional cunha achega inicial durante a fase de construción de 3.589.922 €, un 37,96 % do investimento, e unha partida anual de 440.000 euros.
Avance da 1ª fase da ampliación do hospital
A Xunta está a investir preto de 170 millóns de euros nas obras de ampliación do novo hospital público de Pontevedra. Actualmente, na 1ª fase dos traballos, estase xa a executar un aparcadoiro na zona de urxencias de 128 prazas, manteranse 212 de dominio público no aparcadoiro en superficie existente, así como outras 49 ao longo da urbanización da contorna do hospital. Dese xeito, en total, haberá dispoñibles 1.281 prazas.
A infraestrutura sanitaria contempla tamén unha cafetería no novo edificio que ademais servirá de punto de conexión entre o antigo, o novo hospital e o aparcadoiro. Tanto a nova cafetería como o novo aparcadoiro de 892 prazas agárdase que entren en funcionamento a finais de 2026.
O aparcadoiro ofrecerá tarifas similares ás do Hospital Álvaro Cunqueiro, coa primeira media hora gratuíta.