A Xunta convoca 9,3 M€ en axudas a entidades sen ánimo de lucro para contratar 500 persoas e facilitar a súa empregabilidade no sector dos servizos sociais
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais visitou en Santiago a sede da Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade Intelectual ou do desenvolvemento (Fademga), que recibiu case 162.000 € na convocatoria pasada
Pablo Fernández lembrou que as achegas que se publicaron onte no Diario Oficial de Galicia e cuxo prazo de solicitude se prolongará desde hoxe ata o 12 de setembro apostan pola formación nun sector con potencial para crear traballo
As entidades beneficiarias deben ter como a súa actividade principal o fomento de accións destinadas á inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, servizos comunitarios, maiores, mulleres ou infancia
Teranse en conta as que desenvolvan proxectos singulares, aquelas que prestan servizos a outras asociacións, colectivos con máis dunha área de actuación autonómica e as que teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoala
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou esta mañá en Santiago a sede da Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade Intelectual ou do desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión Galicia), beneficiaria dunha axuda de case 162.000 euros no marco da última convocatoria para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro. Alí, Fernández destacou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde correspondente ao 2024, cun orzamento de case 9,3 millóns de euros que se pode solicitar desde hoxe e ata o próximo 12 de setembro.
O secretario xeral destacou que o importe da convocatoria que se vén de publicar supón unha suba superior ao 9% en relación ao do exercicio anterior. A través deste novo programa de cooperación, estímase que se poderán contratar unhas 500 persoas desempregadas en 180 entidades inscritas como de iniciativa social no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.
Detalles da convocatoria
As entidades sociais beneficiarias destes apoios deben ter como a súa actividade principal o fomento de accións específicas para a inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, servizos comunitarios, maiores, familia, mulleres ou infancia. Así mesmo, deberán garantir a contratación a tempo completo durante nove meses das persoas desempregadas ou 12 meses a tempo parcial.
Dos case 9,3 millóns de euros, destinaranse prioritariamente 3 millóns á contratación de persoas desempregadas nos denominados proxectos singulares, desenvolvidos por entidades que prestan servizos a outras, a colectivos con máis dunha área de actuación a nivel autonómico ou con máis de 100 profesionais nos seus cadros de persoal.
A Xunta estima que cada unha das entidades que resulten beneficiarias na convocatoria deste ano percibirá un importe medio superior aos 50.600 euros, uns 18.200 euros por persoa traballadora contratada. Grazas a estas achegas, o Goberno galego apoiou no último trienio 2021-2023 a contratación de máis de 1.700 persoas sen emprego en preto de 600 entidades sen ánimo de lucro.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240812/AnuncioG0767-310724-0001_gl.html