A Xunta licita por 1,6 M€ a renovación de equipamento para as unidades de saúde bucodental de atención primaria das sete áreas sanitarias
A licitación do contrato, recollida no Portal de Contratos de Galicia, prevé o subministro de 80 novos equipamentos compostos de unidades de tratamento, sistemas de aspiración, compresores de aire e lámpadas de polimerización
O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 29 de agosto
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2024
A Xunta publica hoxe no Portal de Contratos de Galicia a licitación do subministro de equipamento de tratamento dental con destino ás unidades de saúde bucodental de centros de atención primaria das sete áreas do Servizo Galego de Saúde por 1.607.435 euros.
Para dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación en materia bucodental, renóvanse 80 equipamentos compostos de unidades de tratamento (que inclúen sillón de paciente, columna de elementos e bloque de agua, distintos elementos para o especialista e para o asistente, xeringa aire-auga multifunción, entre outros elementos), sistemas de aspiración, compresores de aire e lámpadas de polimerización.
A distribución por áreas sanitarias é de 15 equipamentos de tratamento dental para a área sanitaria da Coruña e Cee; 5 para Ferrol; 15 para Santiago de Compostela e Barbanza; 9 para Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 12 para Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 14 para Vigo e 10 para a área de Pontevedra e O Salnés.
A maioría das enfermidades bucodentais relaciónanse con outras enfermidades non transmisibles como as enfermidades cardiovasculares, a diabetes, o cancro, a pneumonía, a obesidade e o parto prematuro. Non obstante, a maioría das afeccións de saúde bucal poden previrse en gran medida e poden ser tratadas nas súas primeiras etapas.
As empresas interesadas na prestación deste servizo teñen de prazo ata o 29 de agosto para presentar as súas ofertas.