A Xunta adxudica por máis de 1,4 M€ as obras de adaptación e mellora da planta de transferencia de residuos de Vigo
Os traballos inclúen a construción dunha tolva específica con capacidade para transvasar 10.480 toneladas anuais de biorresiduos e a substitución da envolvente da actual instalación co obxectivo de aumentar o seu illamento acústico
Unha vez rematada a actuación, integrarase na rede pública galega de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, integrada por 17 plantas e na que o Executivo galego investiu, a través de Sogama, un total de 45 M€
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024
A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Sogama, adxudicou por máis de 1,4 millóns de euros as obras de mellora e adaptación da súa planta de transferencia de residuos de Vigo, localizada en Guixar, para que poida recibir a fracción orgánica recollida de forma diferenciada mediante o contedor marrón.
A tal fin, os traballos adxudicados prevén a construción dunha tolva para a transferencia dos chamados biorresiduos así como a substitución da envolvente do conxunto. Neste caso, substituiranse todas as chapas do cerramento da nave co fin de aumentar o nivel de illamento acústico derivado da propia actividade da instalación, coa particularidade de que tamén se actualizará o deseño para unha mellor integración na contorna.
Unha vez concluída a obra, a instalación pasará a formar parte da rede pública de infraestruturas para a valorización da materia orgánica que foi deseñada pola Xunta de Galicia e executada por Sogama. Neste sentido, cómpre subliñar que o obxectivo desta iniciativa é axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a cumprir a lexislación vixente e facilitar así a conversión dos biorresiduos de orixe doméstica en compost, un abono natural de alta calidade que poderá ser utilizado no ámbito da agricultura e da xardinería.
En concreto, a de Vigo será unha das 13 plantas de transferencia integradas nesta rede (xunto coas de A Lama, Arbo, Cee, Curtis, Lugo, Narón, Ponteceso, Riotorto, Silleda, San Cibrao das Viñas, O Porriño e A Rúa) que servirán de apoio ás 4 infraestruturas de biorresiduos provinciais (localizadas en Cervo, no caso de Lugo; Cerceda, na Coruña; Verín, en Ourense; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra).
Unha vez renovadas, as instalacións de Guixar contarán con capacidade para transvasar 10.480 toneladas anuais de materia orgánica recollida de forma diferenciada na cidade mediante o contedor marrón para ser transportada posteriormente á planta de biorresiduos máis próxima, onde recibirá tratamento.
O prazo para a execución dos traballos será dun máximo de 28 semanas (7 meses) e dun mínimo de 24 (medio ano), contadas a partir da data da firma da acta de inicio de obras.
Aforro de custos
Tomando como referencia o principio de proximidade, o obxectivo da rede de infraestruturas para a xestión e tratamento da fracción orgánica do lixo doméstico é propiciar que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos a Sogama —que aglutinan a máis de 2,2 millóns de habitantes— dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, permitíndolles desta forma aforrar custos, tanto ambientais como económicos.
Cómpre lembrar que Sogama destinou á posta en marcha desta rede autonómica un total de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19.