A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presentou esta mañá o último informe climatolóxico de MeteoGalicia

Galicia rexistrou un verán climatolóxico moi cálido e normal en canto ás precipitacións

A temperatura media foi de 20 graos, 9 décimas superior ao habitual neste período 

As 16 estacións máis representativas rexistraron unha precipitación media de 103 l/m2, o que supón un 16% inferior ao normal

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024

O verán climatolóxico de 2024 (xuño, xullo e agosto) en Galicia caracterizouse por ser moi cálido e normal en canto ás precipitacións, segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

Deste xeito, segundo o avance do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, que presentou hoxe Ángeles Vázquez, o verán foi moi cálido ao rexistrar unha temperatura media de 20 graos e unha anomalía media 9 décimas superior ao habitual, segundo os datos rexistrados en 11 das estacións meteorolóxicas máis representativas.

Máis polo miúdo, o mes de xuño foi normal ao rexistrar 17,9 graos de media -2 décimas máis do habitual-. Pola contra, xullo e agosto foron moi cálidos, con medias de 20,6 e 21,6 graos, respectivamente. No primeiro caso a anomalía media foi un grao superior ao normal, e no outro, de 1,6 graos máis do habitual. Nese senso, a conselleira indicou que foi o quinto agosto máis cálido desde que hai rexistros.

No que atinxe ás chuvias, a conselleira dixo que a precipitación media rexistrada entre as 16 estacións máis representativas foi de 103 l/m2, o que supón un 16% inferior o que vén sendo habitual neste período, polo que se considera un verán normal.

Logo de subliñar que para atopar un verán máis seco teríamos que remontarnos a 2017, Ángeles Vázquez detallou que xuño foi un mes relativamente húmido -un 14% máis de precipitacións do agardado- mentres que xullo foi normal -1% inferior ao habitual. En canto a agosto, rexistrou unha anomalía media un 71% inferior ao valor climatolóxico habitual, polo que se considera un mes moi seco.

Para concluír, a conselleira puxo en valor o traballo que desenvolve MeteoGalicia. De feito, incidiu en que preto de 600.000 persoas consultaron nalgún momento ao longo do verán a súa páxina web, chegando nalgunhas xornadas ás 30.000 visitas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2024