O Servizo Galego de Saúde publica o baremo provisional da fase de concurso das categorías de persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería
Nestes procesos selectivos ofértanse 196 prazas na categoría de persoal de servizos xerais e 789 prazas na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería
Superaron a fase de oposición 3.708 aspirantes na categoría de persoal de servizos xerais e 7.552 en técnico en coidados auxiliares de enfermería
Na quenda de acceso reservada a persoas con discapacidade intelectual, superaron a fase de oposición 65 persoas na categoría de persoal de servizos xerais e 13 na técnico en coidados auxiliares de enfermería
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as puntuacións provisionais da fase de concurso dos procesos selectivos, convocados mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais (PSX) e técnico en coidados auxiliares de enfermería (TCAE).
Do total das persoas aspirantes presentadas, 13.162, superaron a fase de oposición un total de 11.260 persoas.
Na categoría de técnica en coidados auxiliares de enfermería (TCAE) aprobaron 7.539 persoas nas quendas libre, promoción interna e discapacidade xeral. Ofértanse un total de 775 prazas para esta categoría, das cales 337 corresponden á quenda de acceso libre, 395 a promoción interna e 43 a discapacidade xeral.
Na categoría de persoal de servizos xerais (PSX) superaron a fase de oposición 3.643 aspirantes que concursan para 182 prazas, das cales 76 corresponden á quenda de acceso libre, 97 a promoción interna e 9 a discapacidade xeral.
As prazas non cubertas a través das quendas de promoción interna e de discapacidade xeral acumularanse á quenda libre.
Realizáronse exercicios diferenciados para a quenda de acceso reservada a persoas que acrediten discapacidade intelectual, na cal superaron a fase de oposición 65 persoas na categoría de persoal de servizos xerais (PSX) que concursan para 14 prazas e 13 na categoría de técnica en coidados auxiliares de enfermería (TCAE) na cal se ofertan 14 prazas.
As puntuacións provisionais da fase de concurso obtidas polos aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde.
Ademais, cada aspirante poderá consultar o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Contra os resultados da baremación provisional, as persoas aspirantes poderán presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección no prazo de dez días hábiles (do 6 ao 19 de setembro) contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
Próximas publicacións
Proximamente publicarase o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino definitivo ás persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais (PSX) e técnico en coidados auxiliares de enfermería (TCAE), procesos selectivos convocados pola Resolución do 28 e 26 de decembro de 2022, respectivamente. O listado informativo de adxudicación de destino destas dúas categorías xa foi publicado na páxina web do Servizo Galego de Saúde.
Neste proceso de concurso de méritos ofértanse un total de 17 prazas na categoría de persoal de servizos xerais (PSX) e 277 prazas na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería (TCAE).