Belén do Campo recolle as propostas da Liga Reumatolóxica Galega para mellorar a calidade de vida destes pacientes

A Coruña, 5 de setembro de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo esta mañá un encontro cos representantes da Liga Reumatolóxica Galega (LRG), que preside Ana Isabel Vázquez, para coñecer de primeira man as inquietudes e preocupacións dos enfermos reumáticos aos que representan.

No encontro a delegada repasou as distintas liñas de colaboración da Xunta que recibe esta entidade a través da Consellería de Sanidade, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, da Consellería da de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Política Social e Igualdade e recolleu as súas propostas para seguir avanzando na prestación de servizos de atención psicolóxica, terapéutica e de logopeda.

Na reunión a representante do Goberno autonómico recolleu os retos que neste momentos afronta esta asociación para seguir avanzando de cara ao futuro priorizando á poboación infantil. Ademais, os representantes da LRG trasladáronlle a necesidade de contar con novos espazos para seguir desenvolvendo toda a súa actividade para dar un mellor servizo a este tipo de pacientes.

A LRG é unha entidade que ten entre as súas finalidades a sensibilización acerca da importancia das enfermidades reumáticas para favorecer a investigación sobre as súas causas e sobre novos tratamentos para combatelas.

A LRG é membro da Comisión asesora de Pacientes da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, así como membro vocal da Comisión da Dor da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Pertence tamén a LIRE (Liga Reumatolóxica Española) e á Rede Nacional de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2024