A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presidiu a reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads)
A Xunta avanza na tramitación do Plan de Xestión dos Penedos de Pasarela e Traba para compatibilizar a protección da súa contorna co seu uso público
Ángeles Vázquez destaca que esta planificación busca establecer os usos e as actividades permisibles, así como as limitacións e medidas que se consideren necesarias para a conservación do espazo
Este conxunto de elevacións graníticas, que foi declarado paisaxe protexida no ano 2009, ocupa unha superficie de 212 hectáreas que se reparten en case igual proporción entre os termos municipais de Laxe e Vimianzo
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024
A Xunta avanza na tramitación do plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, localizados nos concellos de Laxe e Vimianzo, que ten como obxectivo compatibilizar a protección da súa contorna co seu uso público ao elevalo ante o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads) para a súa consideración.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presidiu a reunión deste foro de participación pública e institucional en materia medioambiental onde destacou que o plan de xestión busca establecer os usos e as actividades permisibles, así como as limitacións e medidas que se consideren necesarias para a conservación do espazo e a preservación dos hábitats e das especies.
Nesta liña, establécense como obxectivos fundamentais a conservación e protección dos patrimonios natural, cultural e inmaterial a través de actuacións como, por exemplo, a elaboración dun plan de acción da paisaxe, a recuperación da biodiversidade ou a realización dun inventariado da toponimia ou dun estudo arqueolóxico da Torre da Moa.
Tamén se prevén actuacións de cara a garantir un desenvolvemento sostible que garanta o equilibrio entre a súa preservación e o seu desfrute por parte de veciñanza e visitantes coa habilitación dun aparcadoiro, o mantemento dos viarios ou a instalación de paneis interpretativos.
Outro dos obxectivos incluídos no proxecto de decreto é o fomento do coñecemento e investigación sobre este espazo protexido coa elaboración de estudos sobre os efectos do cambio climático sobre o lugar e a súa conectividade ecolóxica e coa realización de actividades de divulgación sobre este espazo protexido.
Logo de lembrar que a tramitación deste documento comezou en outubro de 2023 co trámite de información pública e distintas consultas con entidades e organismos relacionados, Ángeles Vázquez explicou que, unha vez sometido á consideración do pleno do Cogamads, o proxecto de decreto deste plan de xestión será elevado ao Consello da Xunta para a súa aprobación e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor.
A maiores, a representante autonómica puxo en valor a análise deste documento por parte deste órgano de consulta e asesoramento pois xa avaliou anteriormente textos lexislativos relevantes como os plans reitores de uso e xestión (PRUX) dos seis parques naturais galegos e do parque nacional, normativas de carácter autonómico como a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia ou os plans de conservación e xestión de monumentos naturais como o do Souto da Retorta ou a Fraga de Catasós.
Espazo protexido
Os Penedos de Pasarela e Traba, que foron declarados paisaxe protexida no ano 2009, son un conxunto de elevacións graníticas que ocupan unha superficie de 212 hectáreas que se reparten en case igual proporción entre os termos municipais de Laxe (103 ha) e Vimianzo (109 ha), na Grande Área Paisaxística Chairas e Fosas Occidentais.
Ademais do seu valor estético ou paisaxístico, teñen un enorme valor científico porque estas rochas permiten coñecer cal foi a evolución da paisaxe. Deste xeito, os Penedos indican non só a súa relación con longos procesos tectónicos durante os que as rochas foron fracturadas, erguidas ou afundidas, senón tamén o papel que tiveron na súa orixe as condicións climáticas do pasado máis quentes e húmidas.