A Xunta e o Musée du Quai Branly de Francia acordan exhibir a finais de outubro na Cidade da Cultura a maior exposición internacional sobre tatuaxe

‘Tattoo. Arte baixo a pel’, producida por un dos grandes museos franceses, explora a historia e simboloxía estética, cultural, social e relixiosa desta práctica milenaria

Esta proposta chega a Galicia tras colleitar unha excepcional acollida en Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán e Rusia

O proxecto, que conta coa colaboración da Fundación ‘la Caixa’, inaugurarase no Museo Gaiás o 24 de outubro e permanecerá ata o 20 de abril

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia e o Musée du Quai Branly-Jacques Chirac (Francia) veñen de asinar un acordo para exhibir este outono en Galicia unha das maiores exposicións internacionais sobre tatuaxe. Co título Tattoo. Arte baixo a pel, a mostra explora a historia e simboloxía cultural, social, estética e relixiosa desta práctica e intenta explicar as razóns de que as tatuaxes estean presentes en todas as épocas históricas e zonas xeográficas do mundo.

A proposta, producida polo que é un dos museos franceses máis relevantes, inaugurarase no Museo Gaiás o 24 de outubro e permanecerá aberta ata o 20 de abril. Tras ser exhibida en Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán e Rusia, chega a Galicia coa colaboración da Fundación “la Caixa”, convertida nunha das exposicións sobre tatuaxe máis completas e atractivas desenvolvidas ata o momento, unha proposta imprescindible para comprender a pulsión que leva ao ser humano a marcar con tinta o seu corpo.

A calidade e beleza das pezas e a acollida do público colleitada ao longo do seu periplo internacional levaron á Fundación “la Caixa” a exhibila nos seus centros e á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a asinar un acordo co Quai Branly para que tamén Galicia teña a oportunidade de gozar desta proposta.

Tattoo. Arte baixo a pel está comisariada por Anne Richard, destacada axente cultural da arte europea de vangarda e fundadora da influente revista HEY! Modern Arte & Pop Culture. A mostra presenta 240 pezas procedentes de 18 países do mundo entre pinturas, debuxos, libros, modelos en silicona tatuados, ferramentas para tatuar, máscaras, fotografías, selos e nove audiovisuais.  

Con este novo proxecto, a Cidade da Cultura completa o programa de exposicións internacionais de 2024, unha oferta que achegou a Galicia mostras como Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, con máis de 40.000 visitas, ou Unha vida viquinga, que continúa aberta ata xaneiro e que superou nos dous primeiros meses os 25.000 visitantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2024