A Xunta destaca a innovación e a modernidade do sector lácteo galego na inauguración das novas instalacións da gandaría Os Loureiros en Vimianzo

Neste acto, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, amosouse orgullosa dos avances rexistrados por este eido, converténdose en referente en España e Europa 

Avogou de novo por afondar na liña de entendemento, colaboración e suma de esforzos dentro do sector e reafirmou o apoio do Goberno galego a esta actividade, con iniciativas como as axudas para plans de mellora ou a xestión das achegas da PAC

Os Loureiros ten un censo que supera os 800 animais e produciu o ano pasado máis de 4,6 millóns de litros de leite, sendo unha explotación única en España e que ocupa un lugar destacado en Europa pola súa innovación tecnolóxica

Vimianzo (A Coruña), 7 de setembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a modernidade e a innovación que caracterizan o sector lácteo galego, unhas condicións que lle garanten un futuro digno. Foi durante a súa participación na inauguración das novas instalacións de Gandaría Os Loureiros en Vimianzo, na que tamén participou a alcaldesa desta localidade coruñesa, Mónica Rodríguez.

Neste acto, no que tamén estivo presente o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a titular de Medio Rural amosouse orgullosa dos avances rexistrados por este eido na nosa comunidade, converténdose en punteiro en España e nunha referencia no ámbito europeo, cunha clara aposta pola innovación. Ademais, puxo en valor as sinerxías existentes, neste caso, entre a explotación e a industria, e avogou de novo por afondar nesta liña de entendemento, colaboración e suma de esforzos dentro do sector.

Por todo isto, felicitou tanto aos titulares da gandaría, Celestino Pose e Víctor Lavandeira, como ao Grupo Lence, representado neste acto pola súa presidenta, Carmen Lence, pola boa sintonía existente para impulsar un proxecto empresarial do que tamén valorou o seu carácter exemplar no que atinxe á remuda xeracional dentro da explotación.

Innovación para mellorar a competitividade

A maiores, nesta liña, a conselleira reafirmou o apoio da Xunta con iniciativas como as axudas para plans de mellora ou a xestión das achegas da PAC, e valorou que esta granxa se beneficiou de ambas, o que lle permitiu avanzar, pola vía da innovación, para mellorar a súa competitividade e xerar valor engadido. Neste mesmo sentido, Gómez puxo de relevo o compromiso da industria láctea galega para acadar, cada día, unha maior transformación de produto.

Gandaría Os Loureiros ten actualmente un censo que supera os 800 animais e produciu o ano pasado máis de 4,6 millóns de litros de leite. A explotación é única en España e ocupa tamén un lugar destacado en Europa pola súa innovación tecnolóxica, que lle permite unha completa dixitalización e maior sustentabilidade nos procesos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2024