A consellería do Medio Rural lembra que segue aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do viño galego en terceiros países, dotadas con 1,7 M€

O obxectivo destas axudas é fomentar o coñecemento das características e calidades dos viños fóra da Unión Europea, co fin de contribuír á mellora da súa competitividade

Poderán beneficiarse destas achegas as empresas vinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas e as súas asociacións ou os órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas (DOP) e as indicacións xeográficas protexidas (IXP) vitivinícolas

Nos últimos sete anos (dende 2018 ata o 2024) xestionáronse dentro desta liña 8,3 millóns de euros, que axudaron a realizar un total de 146 programas de promoción

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural lembra que segue aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do viño galego en terceiros países para a convocatoria 2025-2026, dotadas cun orzamento de 1,7 millóns de euros. Poderán solicitar estas achegas as empresas vinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas e as súas asociacións, as organizacións interprofesionais, ou os órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) vitivinícolas, así como as súas asociacións.

Tamén poderán recibir axuda as asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño, as cooperativas que comercialicen viños elaborados por elas ou polos seus asociados ou as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.

O obxectivo destas axudas é apoiar o sector vitivinícola galego na promoción do viño en terceiros países (fóra da Unión Europea), ao abeiro da Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV), que á súa vez se enmarca no Plan Estratéxico Nacional da Política Agrícola Común (PAC) do Reino de España 2023-2027. Trátase de fomentar o coñecemento das características e calidades dos viños, co fin de contribuír á mellora da súa competitividade, o que inclúe a apertura, a diversificación ou a consolidación dos mercados deses países.

A promoción do viño galego en terceiros países repercute positivamente na súa comercialización e internacionalización, o que contribúe a mellorar o sector vitivinícola da nosa comunidade en particular e o agro galego en xeral. Cabe sinalar que nos últimos sete anos (dende 2018 ata o 2024) xestionáronse dentro desta liña 8,3 millóns de euros, que axudaron a realizar un total de 146 programas de promoción.

Apoio xeral ao sector

Estas achegas súmanse a outras liñas xa habituais, como as de reestruturación e reconversión do viñedo, que teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, dotadas cun orzamento de 4 millóns de euros para 2024; ou as destinadas á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, cun montante de 4,5 millóns de euros. En total, en 2024 falamos dun apoio de 10 millóns para o sector, aos que habería que sumar as liñas de promoción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2024