Román Rodríguez garante que a Xunta de Galicia continuará reforzando o financiamento universitario e empraza ao Goberno central a facer o mesmo

O conselleiro afirma nunha entrevista na Radio Galega que as universidades cobrarán este mesmo mes os ingresos derivados de matrícula gratuíta

Galicia xa ten todo listo para o inicio do curso o mércores no resto de niveis tras un verán intenso de obras e a estrea de novas medidas de mellora do ensino

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, afirmou hoxe nunha entrevista na Radio Galega que a Xunta seguirá reforzando o financiamento universitario e emprazou ao Goberno central a facer o mesmo, dado que Galicia xa é unha referencia nesta materia.

Ante o inicio do curso universitario, que comeza mañá luns, o representante do Executivo galego asegurou que se traballará “para que Galicia se converta nesta lexislatura na primeira comunidade autónoma en acadar o 1% do PIB en recursos públicos nas universidades”. Román Rodríguez asegurou que se “fará realidade este compromiso electoral, pois xa somos unha das comunidades que mellor financia estas institucións”. Grazas a iso, Galicia aspira a ser a primeira autonomía en acadar este fito, con moita antelación sobre o obxectivo marcado a nivel estatal, que está fixado para 2030.

“Todas as comunidades pedimos recursos ao Goberno central -explicou-. Pero con independencia diso, nós fixemos previsións de transferencias ás universidades e nestes momentos pensamos que podemos chegar a ese reto”, declarou o conselleiro. De feito, sinalou que este ano se superan por primeira vez os 500M€ en achegas, cun plan plurianual “que posibilita que as universidades teñan certezas sobre os ingresos que van ter para planificar o seu ámbito de xestión”, novamente unha excepción en España. 

O conselleiro puxo en valor tamén a matrícula gratuíta da que se comezan a beneficiar os estudantes universitarios este curso. E subliñou que todo o proceso e a loxística necesaria se desenvolveu con normalidade pese á novidade e complexidade técnica. Así mesmo, avanzou que as universidades non terán problemas de tesourería por esta medida porque a Xunta “transferiralles este mesmo setembro -con dous meses de adianto sobre o inicialmente previsto- os fondos que deixaron de ingresar polas matrículas gratuítas”.

 

 

Un novo camiño

O titular de Educación tamén expuxo que está todo listo para o comezo do curso no resto de niveis o próximo mércores, un ano lectivo no que se emprende a maior modernización do sistema dos últimos 30 anos con melloras no número de alumnos por aula, na atención á diversidade, no rural ou no reforzo de diferentes programas educativos e competencias como lectura e Matemáticas. “Esta modernización ten unha dobre perspectiva, a organizativa e os programas vencellados ao carácter didáctico e docente”, indicou.

 

A Consellería de Educación, que está realizando actuacións de renovación, ampliación e mellora dos centros educativos co obxectivo de adecualos ás novas tendencias a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, logrou incrementar o número de aulas e de profesores a pesar da baixada de alumnado. Trátase dun fito que o conselleiro atribúe ao acordo histórico con tres das catro organizacións sindicais da Mesa Sectorial. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2024