A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, o secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica e o director de XERA participaron na xornada 'O camiño á neutralidade climática: Reflexións desde Galicia e Europa'

A Xunta salienta as iniciativas pioneiras postas en marcha en Galicia para consolidar a comunidade como referente na loita contra o cambio climático

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático subliña a aposta do Goberno galego por reforzar a dimensión social, a gobernanza e a sensibilización para acadar unha sociedade formada, concienciada e resiliente ante este fenómeno

O Goberno galego está a preparar a futura Lei de administración ambiental simplificada para avanzar cara a un novo modelo produtivo máis sostible e eficiente

O secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica destaca os investimentos estratéxicos que promove o Goberno galego para aproveitar as oportunidades da transición enerxética

O director da Axencia Galega de Industria Forestal destaca a creación do Sistema voluntario de créditos de carbono impulsado pola Administración autonómica

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia valorou as iniciativas pioneiras que puxo en marcha para consolidar a Comunidade como referente na loita contra o cambio climático e avanzar cara á redución de emisións.

Así o subliñou a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, na inauguración da xornada O camiño á neutralidade climática: Reflexións desde Galicia e Europa, organizada por ECOBAS, que foi clausurada polo secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo, e na que tamén participou o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal.

Logo de incidir en que Galicia é un exemplo de sostibilidade e de responsabilidade ambiental grazas ás medidas implementadas para reforzar a Comunidade como un refuxio climático verde e sostible, Paula Uría lembrou que a Xunta está a traballar na actualización da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 (EGCCE 2050), que é a folla de ruta da Comunidade para acadar a neutralidade climática, coa elaboración do novo Plan rexional integrado de clima e enerxía 2024-2030.

Segundo dixo a directora xeral, as prioridades deste plan serán afondar na mitigación das emisións, apostar pola protección da biodiversidade e do patrimonio natural e dar un pulo ás medidas orientadas a reducir o impacto do cambio climático na saúde. A maiores, Uría subliñou tamén a aposta do Goberno galego por reforzar “a dimensión social, a gobernanza e a sensibilización” para acadar unha sociedade formada, concienciada e resiliente ante este fenómeno.

Así, a Xunta promoveu en 2022 a Alianza galega polo clima, que conta xa con preto de 150 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas-, co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o cambio climático, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar unha Galicia neutra en emisións.

E, no que atinxe á colaboración administrativa, a Xunta presentou o pasado mes de maio a Rede local polo clima, de cara a coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sustentabilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.

Esta medida complementa o traballo desenvolvido a través do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, que conta xa con 285 concellos adheridos, dos que preto do 92% xa elaboraron o correspondente Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que son follas de ruta fundamentais de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.

Nesa liña de seguir avanzando cara a un novo modelo produtivo máis sostible e eficiente, o Goberno galego está a preparar a futura Lei de administración ambiental simplificada. Así, a futura normativa pretende reforzar a seguridade xurídica dos proxectos para garantir o imprescindible equilibrio entre o desenvolvemento das distintas iniciativas e a protección do medio natural así como unificar e actualizar a regulación nesta materia e adaptar a normativa europea aos novos retos climáticos.

A maiores, a directora xeral avogou por respectar as competencias de cada administración e evitar as inxerencias externas que poden distorsionar o debate nun tema tan complexo e sensible como o medioambiental.

Pola súa banda, o secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo, destacou os investimentos estratéxicos que promove o Goberno galego para aproveitar as vantaxes competitivas da transición enerxética. Estes investimentos céntranse en eidos como o eólico, o biogás, a descarbonización de polígonos industrias e os portos, o hidróxeno verde, a hidroeléctrica reversible ou os minerais estratéxicos.

Reboredo puxo en valor o traballo da Administración autonómica en consonancia co Pacto Verde Europeo, e o desenvolvemento de diferentes accións orientadas á absorción de CO2.

Créditos de carbono

Por outra banda, na mesa-coloquio Políticas para mudar o rumbo, o director da director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, destacou o impulso da Xunta na absorción de gases de efecto invernadoiro coa creación do seu Sistema de créditos de carbono. A súa tramitación, encadrada na nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galicia, permitirá a activación dos mercados voluntarios dirixidos tanto a organizacións públicas e privadas como á propia cidadanía.

Durante a súa intervención, Aboal sinalou que a comunidade galega xa é un referente na descarbonización, xa que unha de cada catro toneladas das absorcións de carbono que declara o Goberno de España nas terras forestais proveñen de Galicia. Dos 40 millóns de toneladas de CO2 equivalente que absorben anualmente os bosques españois, case 10 millóns son achegadas polas masas forestais galegas, cando tan só abranguen un 7% da superficie arborada do Estado.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2024