A Xunta crea unha comisión de seguimento para informar do avance das obras de rehabilitación do IES Lucus Augusti
Lugo, 10 de setembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, anuncia a posta en marcha dunha comisión de seguimento que se reunirá de xeito periódico para informar do avance das obras que se están a executar no IES Lucus Augusti, en Lugo. Arias explicou ademais que, ante o inicio do curso e mantendo ese afán de transparencia, se vén de convocar unha reunión coa comunidade educativa do centro co fin de presentarlles o cronograma das obras e resolver as súas posibles dúbidas.
Na reunión, que se celebrará o vindeiro venres na Delegación Territorial, participarán o propio delegado territorial; a directora territorial de Educación, Sagrario Sánchez; representantes da unidade técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e técnicos da empresa responsable da obra, ademais dos representantes do Consello escolar do Lucus Augusti.
O delegado territorial lembrou a importancia desta obra, que conta cun investimento de 3,3M€ e está previsto que finalice a finais de marzo do ano 2025. Segundo os técnicos, a intervención poderá desenvolverse no interior do centro sen afectar á actividade lectiva.
A rehabilitación do IES Lucus Augusti inclúe a demolición de certos elementos, a renovación da carpintería exterior, melloras no illamento, e a instalación dunha caldeira de enerxía renovable que dará servizo a todo o edificio. Ademais actualizaranse todos os espazos educativos con novas conexións dixitais e eléctricas. A intervención principal será a recuperación da semicúpula do auditorio.
Javier Arias lembra que Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ten experiencia recoñecida en actuacións deste calibre e alude ás obras de rehabilitación que recentemente remataron tamén no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, onde non se rexistrou incidencia algunha no desenvolvemento da actividade educativa.