Así o destacou o conselleiro de Sanidade hoxe no Parlamento de Galicia
A Xunta avanza que este mes de setembro volverá ocuparse a praza de pediatría dos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei
Gómez Caamaño remarca que as nenas e nenos do municipio tiveron asistencia pediátrica sempre
Sinala que os cupos de medicina de familia dos tres centros do concello de Cerdedo-Cotobade dispoñen de cita en menos de dous días
Explica que este verán foron atendidas máis de 345.000 consultas de pediatría de atención primaria no Servizo Galego de Saúde
Defende a reorganización asistencial do verán que contou coa implicación de 48.000 profesionais de media ao día, 1.500 máis que o ano pasado
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, adiantou hoxe no Parlamento de Galicia que neste mesmo mes de setembro a praza titular de pediatría dos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei volverá estar ocupada.
Gómez Caamaño lembrou que non hai médicos dispoñibles para cubrir as vacacións dos profesionais de medicina de familia e atención primaria “nin en Galicia nin en Cataluña nin en Castela-A Mancha”.
Malia todo, incidiu en que as nenas e nenos de Cerdedo-Cotobade tiveron asistencia pediátrica sempre.
En canto ás consultas de primaria, o conselleiro indicou que en todos os cupos dos tres centros do Concello -os centros de saúde de Cerdedo, de Carballedo e o consultorio de Tenorio- a demora para obter consulta co médico de familia é inferior aos dous días.
Durante a súa intervención no Pazo do Hórreo, o máximo responsable da Sanidade galega puxo en valor a reorganización asistencial realizada polo Servizo Galego de Saúde durante o verán para facer compatible a prestación sanitaria cos dereitos laborais do persoal como son as vacacións.
Gómez Caamaño explicou que este verán o Servizo Galego de Saúde atendeu 345.261 consultas de pediatría en atención primaria, superando as cifras do ano pasado.
Este verán traballaron na sanidade pública unha media diaria de 48.000 profesionais, é dicir, 1.500 máis que en 2023. Aumentaron un 8 % as asistencias nos Puntos de atención continuada con respecto ao ano anterior, e un 6 % as urxencias atendidas nos hospitais.
Ademais, mantivéronse os niveis habituais no número de consultas e probas diagnósticas e os profesionais do 061 atenderon case 210.000 chamadas (5.000 máis que o pasado ano) e o 90 % delas en menos de 10 segundos.
“A súa insistencia en desprestixiar a calidade da asistencia sanitaria galega -dixo referíndose ao grupo parlamentario do PSdeG- atenta contra o esforzo e a entrega extraordinaria dos profesionais que coidaron a saúde dos galegos durante o verán”, concluíu o titular da carteira sanitaria.