Un total de 41 centros de FP integrarán este curso a rede que potencia a súa relación coas empresas

O conselleiro de Educación supervisa as actuacións de ampliación do CIFP Fraga do Eume, uno dos centros que forman parte desta rede na Formación Profesional

A Xunta abre o prazo das axudas para estudantes que realicen estadías no estranxeiro e do programa Eduemprende, que promove a cultura do emprendemento

Pontedeume (A Coruña), 13 de setembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro Integrado de FP CIFP Fraga do Eume, no concello de Pontedeume, un dos 41 centros que este curso integrarán a Rede Galega de Dinamización da Relación con Empresas, unha iniciativa que permite potenciar o contacto entre os centros e o tecido produtivo da súa contorna.

A ferramenta forma parte das medidas coas que a Xunta fortalece o modelo galego de FP,  en cuxos centros tamén se están a levar numerosas reformas. É o caso do CIFP Fraga do Eume, onde o conselleiro supervisou as obras de ampliación da cociña e o comedor dos ciclos de Hostalería e Turismo no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

A Rede Galega de Dinamización da Relación con Empresas ten como obxectivo promover un achegamento entre a Formación Profesional e as empresas, atendendo ás necesidades de persoal dos diferentes sectores produtivos e favorecendo a mellora da competitividade e o desenvolvemento do tecido produtivo. Esta rede actúa como un punto de unión entre o empresariado e os centros de FP, establecendo unha canle de comunicación directa entre administracións, centros educativos e empresas.

Neste curso, 41 centros de FP integrarán esta rede. A maior parte deles (18) son da provincia de A Coruña, mentres que hai 11 en Pontevedra, oito en Ourense e catro en Lugo.

 

Concello

Centro

A Coruña

IES Fernando Wirtz Suárez

A Coruña

CIFP Ánxel Casal - Monte Alto

A Coruña

CIFP Someso

A Coruña

IES A Sardiñeira

A Coruña

CIFP Imaxe e son

A Coruña

CIFP Paseo das Pontes

As Pontes de García Rodríguez

IES Plurilingüe Castro da Uz

Carballo

IES Monte Neme

Cee

IES Fernando Blanco

Culleredo

CIFP Universidade Laboral

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Ferrol

CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro

Ferrol

CIFP Leixa

Pontedeume

CIFP Fraga do Eume

Ribeira

CIFP Coroso

Santiago de Compostela

CIFP Politécnico de Santiago

Santiago de Compostela

CIFP Compostela

Santiago de Compostela

IES A Pontepedriña

Lugo

CIFP Politécnico de Lugo

Lugo

CIFP As Mercedes

Monforte de Lemos

IES A Pinguela

Ribadeo

CIFP Porta da Auga

O Barco de Valdeorras

IES Lauro Olmo

O Carballiño

IES Manuel Chamoso Lamas

Ourense

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

Ourense

IES Universidade Laboral

Ourense

CIFP A Farixa

Ourense

CIFP Portovello

Verín

IES García-Barbón

Vilamarín

CIFP de Vilamarín

A Estrada

IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez

Ponteareas

CIFP A Granxa

Pontevedra

CIFP Montecelo

Pontevedra

CIFP A Xunqueira

Pontevedra

CIFP Carlos Oroza

Vigo

IES A Guía

Vigo

IES Politécnico de Vigo

Vigo

CIFP Manuel Antonio

Vigo

CIFP Valentín Paz Andrade

Vigo

CIFP Audiovisual de Vigo

Vilagarcía de Arousa

CIFP Fontecarmoa

Transición da vida académica á laboral

A Consellería de Educación vén tamén de abrir a convocatoria para outros dos seus programas de Formación Profesional: Eduemprende e Erasmus+.

No caso de Eduemprende, o obxectivo é promover a cultura do emprendemento entre o alumnado e facilitar a transición da vida académica á laboral. O prazo de solicitudes está aberto ata o 10 de outubro, e os centros interesados deberán presentar as súas solicitudes na Sede Electrónica da Xunta.

Os distintos programas do Plan Eduemprende están dirixidos a alumnado de ciclos formativos de grao medio ou grao superior das ensinanzas de Formación Profesional, ensinanzas deportivas ou de artes plásticas e deseño e de Bacharelato coa materia de Economía.

O plan divídese en tres liñas de actuación, cunha ducia de programas. A primeira delas, de fomento da cultura emprendedora, busca motivar ao alumnado para desenvolver habilidades como a creatividade, a innovación e a iniciativa para xerar ideas e proxectos.

A segunda liña de actuación, de desenvolvemento de habilidades empresariais, céntrase en ensinar conceptos fundamentais de negocios, xestión, márketing, finanzas e outras áreas clave para emprender con éxito. Finalmente, a terceira liña está centrada na conexión co mundo empresarial e busca establecer vínculos co mundo empresarial, ofrecendo oportunidades de mentorización e colaboracións con empresas para brindar ao alumnado unha visión máis realista e práctica da contorna empresarial.

Formación en países estranxeiros

Ademais, tamén se publicou a convocatoria de mobilidades Erasmus+ para alumnado de FP de grao básico e grao medio no curso 2024-2025, co obxectivo de que os estudantes realicen estadías no exterior. As axudas financiarán tanto a viaxe como a estancia dos estudantes. O alumnado interesado deberá presentar a solicitude no seu centro educativo, xunto coa documentación acreditativa, dentro dos prazos establecidos.

O alumnado que reúna os requisitos para participar nestas convocatorias poderá realizar a mobilidade tanto nos 33 países europeos pertencentes ao programa, como nalgún dos 169 países non asociados ao programa, repartidos entre os cinco continentes.

Ao abeiro destas axudas, os estudantes poderán realizar mobilidades educativas de curta duración (10 a 89 días) e de longa duración (90 a 365 días). En calquera caso, a estadía no estranxeiro dedicarase a realizar prácticas formativas relacionadas coas ensinanzas cursadas nunha empresa ou noutra organización activa no ámbito da FP. 

Estes tres programas forman parte do traballo que a Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades ten previsto durante este curso, co obxectivo de afianzar os bos resultados da Formación Profesional en Galicia, que se traduce en taxas de inserción laboral do 85% na modalidade xeral e de ata o 100% na FP Dual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2024