A Xunta inviste preto de 9 millóns en 28 obras para modernizar e mellorar os centros educativos de Vigo
Ana Ortiz visitou este venres o IES Alexandre Bóveda, no que se levou a cabo a reforma do ximnasio e das instalacións térmicas por 732.000 euros
O investimento da Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades na área viguesa a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica elévase a 21 M€
Vigo, 13 de setembro de 2022
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, informou este venres durante unha visita ao IES Alexandre Bóveda sobre os investimentos da Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades nos centros educativos da área viguesa a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Así, o Goberno galego destina máis de 21 millóns de euros á modernización e mellora dun total de 53 infraestruturas da comarca, delas 28 na cidade olívica cun importe de preto de 9 millóns.
A representante autonómica destacou o compromiso da Xunta coa educación pública de calidade e sinalou que “a mellora das instalacións garante que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles a través das novas políticas educativas que estamos poñendo en marcha”. No caso do IES Alexandre Bóveda, a delegada sinalou que o centro recibiu un investimento de 732.000 euros para a reforma do ximnasio e das instalacións térmicas.
O resto das obras na cidade de Vigo incluídas na planificación son no CEIP Virxe do Rocío (298.257 euros na rehabilitación e na instalación de telecomunicacións), no CEIP Pintor Laxeiro (148.399 euros para un novo ascensor), no IES San Tomé de Freixeiro (1,28 millóns na súa rehabilitación integral), no CMUS Conservatorio Superior de Vigo (1,03 millóns para a rehabilitación integral), no CEIP Igrexa-Valadares (230.573 euros no polideportivo e na cuberta do patio), no IES Coruxo (280.580 euros na cuberta e lucernario), CEIP Illas Cíes (316.512 euros na substitución de fiestras), no CEIP Emilia Pardo Bazán (183.493 euros no ascensor, rampla e aseos adaptados), no CEE Saladino Cortizo (17.705 euros na instalación fotovoltaica), no CEIP Santa Mariña (172.396 na substitución de fiestras), no IES Politécnico de Vigo (121.401 no ascensor e aseos adaptados) e no IES Álvaro Cunqueiro (496.472 na substitución de fiestras).
Respecto a substitución de cubertas os centros educativos incluídos no plan foron o CEIP A Doblada (167.104 euros), CEIP Balaídos (249.333 euros), CEIP Sobreira-Valadares (246.902, tamén para a cuberta do patio) e o CIFP Manuel Antonio (1,65 millóns, tamén para ascensor e aseos adaptados). Ademais, levouse a cabo un importante investimento de cambio de luminarias no IES A Guía (135.879 euros), IES de Beade (136.426 euros), IES Carlos Casares (105.955 euros), IES do Castro (109.490 euros), IES República Oriental de Uruguay (154.492 euros), IES Ricardo Mella (226.380 euros), IES Valladares (128.390 euros) e IES de Teis (75.032 euros).
O Plan de nova arquitectura pedagóxica inclúe case 2.700 actuacións en toda Galicia para mellorar as instalacións de escolas, colexios, institutos, centros integrados de FP e conservatorios dependentes do Executivo autonómico. Neste momento están rematadas, en execución ou licitadas o 98 % delas, por un importe de máis de 229M€. O 2 % restante xa está comprometido, de tal forma que boa parte xa contan con proxecto encargado ou en revisión para a súa próxima execución.
A delegada da Xunta tamén informou da renovación de instalacións fotovoltaicas en nove centros educativos da área viguesa, catro deles na propia cidade, con un investimento total de 243.847 euros.