Presentación de resultados de dúas iniciativas do proxecto H2020 TransformAr en Galicia

Villares sinala que o proxecto TransformAr sitúa a Galicia como pioneira na adaptación ao cambio climático da produción sostible de moluscos bivalvos

O responsable autonómico enxalza como modelo a elaboración do Índice de Resiliencia Operativa do proceso de cultivo de mexillón na ría de Arousa a cargo do grupo de investigación REDE da Universidade de Vigo

Tamén puxo en valor o traballo do Observatorio Costeiro de Galicia que conta con extensas series temporais de datos que facilitan o estudo das variacións de parámetros como a salinidade ou a temperatura, vitais para a realización dos traballos

Este é un dos proxectos preparatorios da Misión de Adaptación ao Cambio Climático da Comisión Europea que conta con 22 socios de 11 países que está a desenvolver seis demostradores, dous dos cales teñen lugar na nosa comunidade

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 18 de setembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, sinalou que o proxecto Transformar sitúa a Galicia como pioneira no edio da promoción sostible de moluscos bivalvos. Así o manifestou na inauguración da xornada de TransformAr, celebrada no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, baixo o título “Resultados do demostrador de Galicia e solucións de adaptación ao cambio climático”, onde se presentaron os resultados do Índice de Resiliencia do mexillón e o modelo INTERM para os bancos de area intermareais, desenvolvidos pola Universidade de Vigo, así como as conclusións da monitorización de bateas sensorizadas en tempo real implementada por CETMAR.

O responsable autonómico salientou que este tipo de traballos son imprescindibles para para avaliar os cambios que están a acontecer no clima e nos océanos e afondar na sostibilidade na explotación dos recursos mariños que permita garantir o futuro das poboacións costeiras. Tamén valorou moi positivamente a participación nesta iniciativa da Xunta, a través do Cetmar, da Universidade de Vigo e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), un traballo e colaboración que permite sumar os recursos e experiencia necesaria en favor dun obxectivo común.

O titular de Mar situou a innovación no ámbito mariño como peza angular no avance cara unha maior resiliencia e sustentabilidade da acuicultura galega e enxalzou como modelo o traballo realizado por este grupo de investigadores na elaboración do Índice de Resiliencia Operativa do proceso de cultivo de mexillón na ría de Arousa. Baseado nun traballo construtivo entre o coñecemento científico e o do propio sector, permite avanzar na mellora da xestión da produción do mexillón implantando un sistema de monitorización en tempo real, gañando eficiencia e sustentabilidade.

Este evento está enmarcado no proxecto H2020 TransformAr ‘Impulsando a adaptación transformadora de Europa: solucións innovadoras vinculadas á auga’, un dos programas preparatorios da Misión de Adaptación ao Cambio Climático da Comisión Europea, aprobado na convocatoria Green Deal 2020, no que participan 22 socios de 11 países. Esta acción está a desenvolver seis demostradores dos cales dous teñen lugar en Galicia e están dirixidos a dous actividades económicas estratéxicas para Galicia como o sector do mexillón e o do marisqueo a pé, baixo a coordinación do Cetmar e coa participación do IIM-CSIC, da Universidade de Vigo e a colaboración da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).

Alfonso Villares subliñou a labor do Observatorio Costeiro de Galicia, que conta con extensas series temporais de datos, que facilita o estudo de variacións de parámetros como a salinidade ou a temperatura da auga que resultan vitais para o desenvolvemento deste tipo de traballos. Nesta liña, reiterou o compromiso do Goberno galego de desenvolver estratexias de xestión adaptativa que garantan a sustentabilidade e a resiliencia dos recursos mariños.

Libre marisqueo

Por outra banda, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, explicou, no que respecta ao libre marisqueo, que os técnicos da Consellería xa remataron coa realización das mostraxes dos bancos marisqueiros. Na actualidade estase procedendo ao seu análise e esta previsto que o vindeiro 25 de setembro teña lugar unha xuntanza coas confrarías para abordar co sector, xa con toda a información, o mellor momento para retomar a actividade extractiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2024