O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe en Santiago de Compostela a sede da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade

A Xunta reafirma en Cogami o seu compromiso coa integración laboral das persoas con discapacidade

José González subliñou que o emprego inclusivo e en igualdade de condicións é unha prioridade do Goberno galego e destacou o contacto permanente da Xunta con centros especiais de emprego (CEE) como os de Cogami

Salientou axudas como os máis de 26 M€ destinados este ano ao labor dos CEE e o programa de formación dual que ten a Xunta nestas entidades e co que na última convocatoria se apoia a inserción laboral de 90 persoas con discapacidade intelectual

Tamén puxo de relevo a importancia de entidades como Cogami na contratación reservada na que Galicia é referente, co gallo de que participen de xeito exclusivo nos seus procesos de licitación empresas de inserción ou centros especiais de emprego

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou as instalacións da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), onde estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e mantivo un encontro co presidente desta entidade, Anxo Queiruga, o vicepresidente, Ramón Sestayo, e con outros representantes. Alí subliñou que o emprego inclusivo e en igualdade de condicións é unha prioridade do Goberno galego e destacou o contacto permanente da Xunta con centros especiais de emprego (CEE) como os de Cogami.

Nesta liña, salientou os máis de 26 millóns de euros que o Goberno galego destina este ano ao labor dos centros especiais de emprego e o programa de formación dual que ten a Xunta nestas entidades e co que na última convocatoria de axudas destinada a este fin apoia a inserción laboral de 90 persoas con discapacidade intelectual ata o 2027.

O conselleiro tamén fixo referencia ás achegas de emprego con apoio coas que se financia a contratación de preparadores laborais para persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social nunha empresa e engadiu ademais que dentro do programa Galicia Emprega se dedican en exclusiva 3 millóns de euros á contratación de persoas con discapacidade e en risco de exclusión.

Outra das medidas para dar pulo ao emprego inclusivo, igualitario e solidario que está a desenvolver o Executivo galego é a segunda Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, que busca posicionar esta fórmula empresarial con medidas para xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades.

Ademais, o conselleiro puxo de relevo o importante labor que realiza Cogami, integrada por máis de 50 asociacións, a prol da inclusión, orientación e formación para o emprego de persoas con discapacidade. De feito, conta con once iniciativas empresariais de economía social baixo a fórmula de centros especiais de emprego.

Contratación reservada

Durante a visita, o conselleiro puxo de relevo a importancia de entidades como Cogami na contratación reservada na que Galicia é referente, co gallo de que participen de xeito exclusivo nos seus procesos de licitación empresas de inserción ou centros especiais de emprego de iniciativa social. A finalidade, dixo, é brindar maiores oportunidades de emprego de calidade ás persoas en situación ou risco de exclusión social ou que presentan máis dificultades para o acceso ao mercado laboral.

Neste sentido, José González insistiu en que o compromiso do Executivo galego con entidades como Cogami é total e, en contraposición, defendeu a necesidade de máis atención e recursos por parte do Goberno central para este colectivo. Neste contexto, expuxo que a Xunta está atenta á evolución e xestións do Executivo estatal en relación co anteproxecto de lei integral de impulso da economía social que está a preparar co fin de que entidades como Cogami estean adecuadamente representadas.

Servizo de formación e emprego de Cogami

Cogami dispón dun servizo especializado en intermediación laboral, orientación e prospección de emprego, dirixido a promover a inclusión das persoas con discapacidade no mercado de traballo. Este servizo está composto por un equipo de preto de 50 profesionais, entre orientadores laborais e axentes de emprego, que operan tanto en zonas urbanas como rurais en toda Galicia. Actualmente, máis de 17.700 persoas están rexistradas na bolsa de emprego, e cada ano máis de 1.500 delas atopan traballo. Ademais, máis de 360 persoas participan en programas formativos destinados a mellorar as súas competencias e oportunidades de inserción laboral, conseguindo inserirse no mercado case a metade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2024