A directora xeral de Patrimonio Natural participou no Foro Rexional de Conservación organizado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN)

Galicia expón en Europa o estado favorable de conservación do lobo en territorio galego e a necesidade de rebaixar a súa protección

Marisol Díaz salienta que o último censo da especie constatou que a Comunidade é a zona con maior presenza desta especie en toda a rexión atlántica española

A directora xeral de Patrimonio Natural lembra que a Xunta complementa o seguimento das distintas poboacións con axudas para previr e compensar os danos causados por especies como o lobo ou o oso nas explotacións agrogandeiras

O Executivo pon en valor o traballo realizado para a recuperación de especies ameazadas ou a eliminación de exóticas invasoras así como a utilidade para a preservación da biodiversidade en territorio galego dos instrumentos de declaración e xestión de espazos protexidos

Bruxas, 1 de outubro de 2024

Galicia defendeu hoxe en Bruxas o labor que realiza a Comunidade para a conservación da biodiversidade no seu territorio e salientou o estado favorable de especies como o lobo, tal como reflicten os datos recompilados polo último censo elaborado -do bienio 2021-2022- polo que poderían rebaixarse as medidas para a súa protección na liña do que está a propoñer a Unión Europea.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, participou na mesa redonda Os gobernos subnacionais aceleran o progreso cara aos obxectivos mundiais de biodiversidade, no marco do Foro Rexional de Conservación que organiza a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), onde salientou que o seguimento realizado do lobo ibérico permitiu constatar que Galicia é a zona con maior presenza de grupos territoriais desta especie en toda a rexión atlántica española.

Neste sentido, a representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático subliñou que, ademais do lobo, a Comunidade realiza conxuntamente co resto de comunidades da Cordilleira Cantábrica (Asturias, Cantabria e Castela e León) o seguimento de especies como o oso co obxectivo de ter unha radiografía o máis exacta posible do seu estado de conservación.

De feito, trátase de dúas especies especialmente relevantes dada a súa interacción coas explotacións agrogandeiras, motivo polo que, como destacou Marisol Díaz, a Xunta convoca todos os anos axudas para previr e compensar os danos que causan a distintos espazos e outros animais do rural galego.

A directora xeral expuxo que Galicia realiza un seguimento e avaliación constante do estado de conservación das especies e dos hábitats de interese comunitario para un axeitado deseño das medidas de xestión e protección. Nesta liña, as especies silvestres, particularmente as ameazadas, son obxecto dunha avaliación periódica co fin de contar con información sólida e actualizada que sirva de fundamento técnico para a aplicación de medidas específicas de conservación.

A representante do Executivo galego tamén puxo en valor o labor realizado a través dos plans de recuperación e conservación das especies do Catálogo galego de especies ameazadas así como os plans de xestión de especies non ameazadas -caso do lobo- que complementan o marco normativo en materia de protección da biodiversidade. De feito, neste eido enmárcanse actuacións como os programas de cría en catividade de especies ameazadas ou accións para a eliminación e control de especies exóticas invasoras, que constitúen unha das primeiras causas de perda de biodiversidade.

A maiores, Marisol Díaz destacou a utilidade para a preservación da biodiversidade dos instrumentos de declaración e xestión de espazos da Rede Galega de Espazos Protexidos, entre os que están os seis parques naturais, o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, oito monumentos naturais, cinco humidais protexido e dúas paisaxes protexidas. Nesta liña, os seus plans inclúen medidas de conservación dos compoñentes clave da biodiversidade destes espazos, entre as que se atopan as poboacións de especies ameazadas.

O encontro

O Foro Rexional de Conservación da UICN para Europa Occidental e Oriental así como Norte e Asia Central celébrase desde onte e ata o próximo xoves como preparación do Congreso Mundial de Conservación que esta entidade organizará en 2025. Neste encontro, que se organiza cada catro anos, os gobernos subnacionais como o galego intercambian experiencias, márcanse obxectivos e fan balance das actuacións desenvolvidas no eido da conservación da biodiversidade.

Precisamente, o evento deste ano é unha oportunidade para que os asistentes expoñan o seu traballo, os problemas de desenvolvemento sostible e as prioridades de conservación desde perspectivas globais e rexionais contribuíndo así a avanzar no deseño do programa da UICN para os próximos catro anos e contribuír a informar e orientar a dirección estratéxica nos distintos territorios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2024