A Agadic leva o programa cinematográfico do CGAI ao club cultural Valle-Inclán de Lugo

A selección inclúe estreas de autor, cine galego e outros títulos significativos proxectados recentemente na filmoteca galega

‘Contrafaces’, de Fon Cortizo, abrirá o 19 de abril unha carteleira que se prolongará durante 30 semanas ata finais de ano

Con esta acción, o CGAI contará con programación en todas as provincias de Galicia a través de proxeccións en catro cidades: A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense

Lugo, 29 de marzo de 2017
  • whatsapp

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, Tonina Gay, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para incluír nova programación cinematográfica no cineclub lucense. A selección de películas, que se poderá ver do 19 de abril ata o 15 de decembro, está efectuada e facilitada polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) en coordinación coa Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga).

Con esta acción, o CGAI engade programación nunha nova cidade galega, Lugo, que se suma así ás xa dispoñibles en temporadas pasadas en Ourense e Vigo, que contan cunha colaboración similar nos cineclubs Padre Feijóo e Lumière, respectivamente. Estes convenios renóvanse este ano, polo que 2017 verá como a filmoteca programa en catro cidades de Galicia: as citadas e máis a súa sala principal na Coruña. Deste xeito, dótase de oferta a todas as provincias da Comunidade.

A Casa do Saber, sede do Vicerreitorado do Campus de Lugo e espazo no que se desenvolverán as proxeccións os mércores ás 19.30 h, acolleu a sinatura do convenio e a presentación da carteleira, acto no que tamén participou o director do CGAI, Guillermo Escrigas.

Na súa intervención, Sutil enmarcou este acordo na aposta da Agadic por impulsar a cooperación entre os distintos axentes culturais galegos no ámbito audiovisual. É o caso –sinalou– dos concellos cos que se organiza o circuíto Cinemas de Galicia; da Feciga, á que a Axencia apoia economicamente na súa actividade anual; ou dos devanditos cineclubs de Ourense, Vigo e Lugo coas extensións da programación do CGAI.

Cine galego e estreas de autor

Ao respecto desta última colaboración co club lucense, subliñou que o Centro Galego de Artes da Imaxe é o instrumento ideal para concretar este cometido nunha completa carteleira, caracterizada polo protagonismo do cine galego e estreas recentes de autor. Así, como adiantou Jacobo Sutil, a escolma ábrese o 19 de abril con Contrafaces, de Fon Cortizo, quen estará na Casa do Saber para presentar este documental creativo sobre poetas da terra que desenvolven a súa obra en idiomas estranxeiros, como Elías Portela (coñecido en Escandinavia como Elias Knörr), e o movemento á inversa, practicado pola canadense Erin Moure, cunha importante obra en galego.

O 31 de maio, poderán verse dous títulos do Novo Cinema Galego cun grande éxito en festivais internacionais, como son No Cow on the Ice de Eloy Domínguez Serén e Tout le monde aime le bord de la mer de Keina Espiñeira; películas sobre migracións feitas nun contexto transnacional e con técnicas de vangarda. Con seleccións en certames moi influentes como Visions du Réel ou Róterdam, estas películas están a colocar o cine de autor galego nunha posición privilexiada no contexto internacional.

Inclúese tamén nunha das primeiras sesións, o 26 de abril, Hoax_canular, que formou parte da retrospectiva dedicada ao canadense Dominic Gagnon polo festival Play-Doc. Trátase dunha apropiación de vídeos de YouTube con adolescentes que falan da fin do mundo anunciada en 2012, debuxando un retrato dunha sociedade norteamericana desquiciada e influenciable polas mensaxes apocalípticas dos medios de comunicación.

O cine de autor contará tamén co seu espazo. As cintas Cemetery of Splendour de Apichatpong Weerasethakul e Cavalo Dinheiro de Pedro Costa poderán verse respectivamente o 3 e o 24 de maio. Tampouco faltará o cine español contemporáneo máis audaz, con títulos como Días color naranja de Pablo Llorca (10 de maio) ou La mort de Louis XIV de Albert Serra, programada para o 7 de xuño, antes da pausa do verán.

A entrada para estas proxeccións é gratuíta para os socios do Club Valle-Inclán e para a comunidade universitaria. O seu prezo para o público xeral é de 1 euro.

Un cineclube con historia

Esta programación súmase á dun cineclube xa de por si activo e con moita historia. O Valle-Inclán comezou a mostrar filmes en 1966 con Les parapluies de Cherbourg de Jacques Demy e, dende entón, non deixou de traerlle aos lucenses un cine diverso centrado en ciclos temáticos ou de autor. O seu labor, que se estende a outras áreas como o teatro e á literatura, pon en valor a cultura galega, a súa capacidade de internacionalización e a súa relación con ámbitos como o da Lusofonía, por exemplo.

A finais dos setenta foi o seu presidente, daquela o recoñecido cineasta Carlos Varela, quen crearía o primeiro borrador dos estatutos que rexen Feciga, constituída finalmente en 1984. Varios escritores e dramaturgos da cidade, como Celestino Fernández de la Vega ou Camilo Gómez Torres, tamén teñen formado parte dunha directiva ilustrada e preocupada pola promoción da cultura galega.

Data de actualización: 29/03/2017