Os catro IES gañadores do V Rally matemático e científico participarán na final de Toulouse

Valentín García participou este mediodía no acto de entrega de premios da final galega deste certame, que congregou os 15 equipos que superaron a primeira fase

Os gañadores son o IES Rosais 2 de Vigo, o IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago e os ourensáns IES Blanco Amor e o IES O Couto

1.160 estudantes das catro provincias participaron en 2017 nesta proba científica e matemática organizada por Igaciencia co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística
 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2017
  • whatsapp

Os catro IES gañadores do V Rally Matemático e Cientifíco sen Fronteiras organizado pola pola Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acudirán á final internacional de Toulouse.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía na Aula Magna da Facultade de Ciencias Químicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na entrega de premios da fase final galega deste certame, que congregou os 15 equipos que superaron a primeira fase. Trátase do IES Rosais 2 de Vigo, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago -gañador en dúas categorías- e dos ourensáns IES Blanco Amor e o IES O Couto

García Gómez tivo palabras de eloxio para os organizadores, “que gastan o seu tempo e os seus esforzos a prol da educación en Galicia e da ciencia no seu idioma propio”. Tamén agradeceu o dinamismo do profesorado e do alumnado que participa masivamente “nunha proba científica e internacional que se leva a cabo en galego, por se a alguén lle puidese quedar algunha dúbida da capacidade da nosa lingua para xerar e transmitir calquera tipo de coñecemento ou da capacidade do noso estudantado para desenvolverse con soltura en galego en calquera situación”.

A canda o secretario xeral, participaron na entrega de premios a decana e o vicedecano da Facultade de Ciencias Químicas da USC, María Pilar Bermejo Barrera e Pedro Rodríguez Dafonte, respectivamente; así como o presidente e a vicepresidenta de Igaciencia, Manuel Díaz Regueiro e Inés Ben González.

Final galega

O Rally Matemático e Científico sen Fronteiras organizado por Igaciencia é unha das probas científicas para alumnado da ESO de maior participación en Galicia. 145 grupos de 8 alumnos e alumnas resolveron en febreiro de 2017 os problemas da primeira das probas; é dicir, participaron nesta edición un total de 1160 estudantes das catro provincias galegas. Destes, só 15 equipos pasaron á final galega que se celebrou hoxe na Facultade de Ciencias Químicas da universidade compostelá.

Os gañadores desta final galega resultaron ser, en primeiro da ESO, o IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago; en segundo da ESO, o IES O Couto de Ourense e en terceiro o tamén ourensán IES Eduardo Blanco Amor. En cuarto da ESO había dúas modalidades, a de matemáticas (común ao resto dos niveis) e a de ciencias. Na de matemáticas, o gañador foi de novo o compostelán IES Plurilingüe Rosalía de Castro. Na modalidade de ciencias impúxose o IES Rosais 2 de Vigo. Os cinco equipos gañadores acudirán en maio á final internacional de Toulouse, cuxo Rallye mathématique sans frontières fai este 2017 os 25 anos.

Éxito internacional

Desde 1992, o Intstitut de Recherche sur l'Ensaignement des Mathématiques (IREM) de Toulouse (Francia) organiza, en colaboración coa Association de Professeurs de Mathématiques de l'Ensaignement Publique (APMEP), un rally matemático internacional orientado a favorecer o traballo en equipo; facer vivir as matemáticas a través de situacións orixinais; poñer en valor a imaxinación, o dinamismo e a creatividade e desenvolver os intercambios entre escola, empresa e sociedade. Uns 35.000 candidatos de Francia, Andorra, España (Aragón, Galicia e Cataluña), Illa de Reunión e Hungría toman parte en cada edición do Rallye mathématique.

Desde hai cinco anos, é Igaciencia quen organiza a participación galega a través do Rally Matemático e Científico sen Fronteiras. Nas catro últimas edicións sempre houbo un equipo galego gañador en Toulouse nalgún dos niveis educativos en competición.

Colaboración a prol da ciencia en galego

Igaciencia é unha organización sen ánimo de lucro que traballa para a promoción e o desenvolvemento das actividades científicas en Galicia e en galego. Entre os seus fins atópanse concienciar sobre a importancia da I+D+i no desenvolvemento de Galicia; achegarlle á sociedade a investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxicas e participar en actividades divulgativas no eido científico.

A Consellería de Cultura e Educación -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa- colabora con Igaciencia no Rally Matemático e Científico sen Fronteiras, no concurso Inventa en galego (con App Inventor) e nas exposicións que cada ano se levan a diferentes puntos de Galicia con motivo do Mes da Ciencia en Galego.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/03/2017