O proxecto Candieira dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro difundirá o papel estratéxico da muller no mar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou en Marín na presentación desta rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia

Este proxecto busca promover iniciativas para reforzar a gobernanza e o empoderamento das mulleres do mar e xerar redes de traballo compartido

A Xunta destina no período 2016-2020 un total de 57 millóns de euros para impulsar o papel dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP)

Marín (Pontevedra), 6 de xuño de 2017
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou esta tarde en Marín que o proxecto Candieira. Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia salientará o papel estratéxico da muller no sector marítimo-pesqueiro. Sinalouno durante a presentación desta iniciativa de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), onde tamén subliñou que dará a coñecer a realidade social da muller no sector, definindo os principais retos e prioridades.

Para iso, engadiu a titular de Mar, este proxecto busca “promover iniciativas e actividades dirixidas a reforzar a gobernanza e o empoderamento das mulleres do mar e xerar redes de traballo compartido”. Tamén persegue “favorecer o seu emprendemento social e empresarial co obxecto de garantir o relevo profesional no mundo marítimo e favorecer a igualdade de oportunidades profesionais”, subliñou.

Neste sentido, amosou a súa satisfacción pola “boa acollida do traballo e o esforzo que se fai desde a Consellería do Mar”. Tamén pola boa acollida da concesión de axudas aos GALP no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para proxectos destinados ao desenvolvemento sustentable das zonas do litoral, pois “foi e segue a ser todo un éxito”. Nesta liña destacou o compromiso adquirido pola Xunta na lexislatura 2016-2020 para impulsar o papel destes grupos, un aspecto no que o Goberno autonómico traballa a través dun investimento xeral de 57 millóns de euros.

En canto ao papel das mulleres no mundo do mar, Rosa Quintana destacou que está a gañar relevancia e representatividade nestes últimos anos, tanto de xeito cuantitativo como cualitativo. No eido cuantitativo sinalou como exemplos, entre outros, que das 3800 persoas que en Galicia se dedican ao marisqueo a pé, preto do 75% son mulleres. Engadiu ademais que un 4,5% dos tripulantes da frota pesqueira galega son mulleres.

En relación á relevancia cualitativa, destacou que en Galicia “contamos cun 24% de mulleres na Xunta Xeral da Federación Galega de Confrarías, cun 29% de afiliadas, 14 patroas maiores, 28 vicepresidentas e case 200 vogais entre cabidos e xuntas xerais”. Estes datos, subliñou, “son verdadeiro reflexo de que a muller conseguiu profesionalizarse e agruparse”.

Candieira
Candieira é un proxecto de cooperación e traballo en rede, que aglutina aos GALP da Ría de Pontevedra, do Golfo Ártabro Norte, da Costa da Morte, da Ría de Muros-Noia, da Ría de Arousa e da Ría de Vigo-A Guarda, nun exercicio de cooperación laboral entre os 56 municipios costeiros que conforman estes GALP, e que van desde A Guarda ata Narón.
A este proxecto concedéuselle unha axuda da Consellería do Mar, no marco da convocatoria deste ano destinada a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP, un aspecto que hoxe sae publicado no Diario Oficial de Galicia.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 06/06/2017