O instituto de ensino secundario de Catabois, en Ferrol, impartirá un obradoiro de manga na décima xornada dos clubs de lectura

Alumnado do IES dará a coñecer nun congreso o seu foro de manga e anime

Os rapaces organizan as sesións e programan actividades para todo o centro
 

Ferrol, 10 de xuño de 2017
  • whatsapp

Os alumnos e alumnas do club de manga do IES de Catabois explicarán o funcionamento dun club que xurdiu por iniciativa deles na X Xornada dos Clubs de Lectura, que se celebrará o 17 de xuño en Santiago de Compostela. Estarán acompañados polas mestras María Mónica García Velasco, vindeira coordinadora da biblioteca do centro, e por Iolanda Sánchez Méndez, membro do equipo de biblioteca e secretaria do equipo directivo. Os rapaces participarán cun obradoiro de cómic manga nunhas xornadas nas que ilustradores do talle de Miguelanxo Prado e Xosé Tomás imparten cadanseu obradoiro de cómic. Miguelanxo Prado recibirá o premio dos clubs de lectura 2017 durante o acto de inauguración.

No IES de Catabois funcionan desde o ano 2008 varios clubs de lectura. Tres clubs xuvenís e un de adultos chamado José Beceiro formado por membros da comunidade educativa. Pola súa experiencia de case 10 anos de andaina, xa na VIII Xornada de Clubs de Lectura, o IES presentou un relatorio sobre os clubs de adultos.

O Club de manga e anime formouse a partir dunha escisión do orixinal club de lectura xuvenil e leva funcionando de xeito continuado desde o curso 2010-2011. Está dirixido por alumnos e alumnas coa supervisión de membros do equipo de biblioteca e organízase como unha asociación, con presidente e membros. Quen preside o club actúa de voceiro co equipo de biblioteca, encárgase de reunir aos membros para a toma de decisións, e é o responsable da conservación, reposición e uso do material do club.

Este curso o club de manga estivo integrado por 10 alumnos e alumnas, fans deste tipo de cómic, que comparten información sobre todo o relacionado con el: tipos, personaxes, novos libros ou técnicas de debuxo entre outros temas. Reúnense dúas veces por semana nun espazo propio para desenvolver actividades como os obradoiros de debuxo manga e, así, non perturbar o clima de estudo e silencio da biblioteca.

Xestión propia


Nas xuntanzas, len e comentan libros manga, deciden as propostas de adquisicións que farán á biblioteca, relevan a quen ocupa a presidencia cando remata a súa etapa educativa, xogan e organizan actividades para toda a comunidade educativa. Deste xeito, os rapaces planean os seus disfraces para o Entroido, organizan exposicións e obradoiros, preparan a súa excursión á Expotaku da Coruña que se celebra anualmente no mes de maio, e presentan o seu club aos futuros alumnos e alumnas na xornada de portas abertas que leva a cabo o centro educativo o Día do Libro.

Para as adquisicións, o club de manga dispón dun orzamento propio e segue un procedemento establecido para decidir que libros lle interesa máis e que material complementario precisa. Tras xuntarse para tomar a decisión, os alumnos elaboran unha lista cos prezos de custo do material e a librería que o subministra; pasan a lista á coordinadora, quen consulta coa Dirección e a Secretaría do centro (membros do equipo da biblioteca) a pertinencia da compra. Finalmente, e con base nunha lista orzamentada, o centro entrega ao presidente a suma de cartos precisa para ir á librería; ao día seguinte, o presidente trae os libros e a súa factura á biblioteca para seren fichados. Cabe destacar o valor educativo que ten esta responsabilidade para o alumnado, unido ao feito de que xamais tiveron ningún incidente neses trámites grazas ao bo funcionamento, respectuoso, traballador e responsable, do club de lectura.

A finais de curso o centro organiza unha saída lúdica para os participantes nos tres clubs xuvenís coa intención de recompensar a súa dedicación e a asistencia ás xuntanzas; pasan o día fóra do instituto, coñecen rapaces doutros clubs de lectura e visitan lugares interesantes. Sen embargo, a maior recompensa é a que teñen os rapaces nas xuntanzas semanais dos clubs ao compartir, gozando, xogando e aprendendo, as súas experiencias lectoras.