Galicia distribuirá 11,5 millóns de euros entre as entidades que realizan fins sociais con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF

Salienta que a Xunta anticipará ás entidades beneficiarias o 100% da subvención

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que a Comunidade galega distribuirá 11,5 millóns de euros entre as entidades que realizan fins sociais con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF dos contribuíntes que marcan este cadro na súa declaración da renda.

Feijóo recordou o ditame do Tribunal Constitucional que recoñeceu a competencia das comunidades para facelo e a decisión do Consello territorial de servizos sociais e do sistema para a autonomía e atención á dependencia de establecer un modelo mixto: un tramo repartido polo Goberno central e outro polas comunidades. Así, o presidente da Xunta subliñou que esta decisión permitirá garantir a continuidade no ano 2018 dos programas que atenden fins de interese social en Galicia a partir desa asignación tributaria.

O titular da Xunta precisou que só poderán acceder ás axudas aquelas entidades do terceiro sector que xa recibiran fondos estatais desta mesma procedencia no ano 2016. O ano pasado dispuxeron destas axudas 72 entidades en Galicia, que realizaron actividades de atención integral socio-sanitaria, educativa ou de inserción laboral.

Feijóo avanzou que nesta convocatoria financiaranse programas sociais dirixidos de forma prioritaria, entre outras, ás persoas maiores, ás persoas con discapacidade, á mocidade e á infancia, a colectivos de mulleres en risco de exclusión, ás persoas afectadas por problemas de drogodependencia, á poboación reclusa e ex-reclusa, a refuxiados e asilados, a migrantes ou a vítimas do terrorismo. Así mesmo, salientou que a Xunta anticipará ás entidades beneficiarias o 100% da subvención.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/09/2017