O titular da Xunta reuniuse hoxe co presidente de Portos do Estado, José Llorca Ortega
Feijóo confirma que os peiraos de Calvo Sotelo e Batería seguirán formando parte do patrimonio público de todos os coruñeses para “facer máis cidade”

Destaca tamén o acordo de que os terreos que actualmente ocupa La Solana sigan sendo propiedade pública, manténdose a Autoridade Portuaria como titular

Salienta que con “estes tres terreos encarrilados”, se seguirán avaliando as posibles utilidades do peirao de San Diego, cuxa concesión caduca dentro de varios anos

Incide en que nesta solución, baseada no realismo, se tiveron en conta dous obxectivos: que A Coruña teña un patrimonio público no porto interior, sen que isto leve a unha situación de dificultade económica e financeira para o porto exterior

A Coruña, 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que os peiraos de Calvo Sotelo e Batería seguiran formando parte do patrimonio público de todos os coruñeses para dedicalos a “facer máis cidade”. Así mesmo, destacou tamén o acordo para que os terreos que actualmente ocupa La Solana non se vendan, sigan sendo de propiedade pública e se manteña deste xeito o seu estatus actual.

Tras unha reunión co presidente de Portos do Estado, José Llorca Ortega, Feijóo clarificou deste xeito o futuro destes terreos. E incidiu en que nesta solución, baseada no realismo, se tiveron en conta dous obxectivos: que A Coruña teña un patrimonio público no porto interior, sen que isto leve a unha situación de dificultade económica e financeira para o porto exterior. O presidente precisou que nas vindeiras semanas se concretará o contido e alcance deste acordo, para seguir traballando polo futuro da cidade.

Durante a súa intervención, Feijóo salientou que con “estes tres terreos encarrilados”, se seguirán avaliando as posibles utilidades do peirao de San Diego, cuxa concesión caduca dentro de varios anos.

Ao respecto, incidiu en que no presente e no futuro da Coruña, segue sendo clave o seu porto interior, que seguirá tendo un papel protagonista no desenvolvemento económico e social da Coruña. Se ben tamén recordou que o progresivo traslado da toda actividade do porto interior cara ao porto exterior terá un dobre beneficio: desde o punto de vista do tecido produtivo polo potencial de Punta Langosteira e desde a perspectiva dos veciños porque pasarán a dispoñer de espazos importantes do porto interior no centro da Coruña.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2017