A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a feira Anuga de Colonia e fixo un percorrido polos postos das empresas galegas
A Xunta promociona na feira alemá Anuga os produtos do mar de Galicia xunto con 12 empresas coexpositoras

Rosa Quintana fixo fincapé na importancia de participar neste evento para mellorar a comercialización dos produtos do mar galegos e para establecer acordos comerciais entre as empresas coexpositoras e distribuidoras

No que levamos de ano a Consellería do Mar participou en 11 feiras apoiando a distintas empresas pertencentes ás áreas da pesca, do conxelado, da acuicultura, da transformación, da comercialización e da conserva
 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a feira Anuga de Colonia, en Alemaña, acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e realizou un percorrido polos postos das 12 empresas do eido marítimo pesqueiro que alberga o posto que ten a Xunta de Galicia nesta edición número 34 da feira, que se celebra na cidade alemá ata mañá, 11 de outubro.

Rosa Quintana sinalou que esta feira é un referente no eido do sector agroalimentario e fixo fincapé na importancia de participar nela para mellorar a comercialización dos produtos do mar galegos e difundir a súa calidade. Ademais valorou a importancia deste tipo de encontros para establecer acordos comerciais entre as empresas coexpositoras e distribuidoras.

Neste sentido, a titular de Mar destacou que o seu departamento aposta decididamente por mellorar a comercialización dos produtos pesqueiros co fin de chegar a novos mercados. De aí que, no que levamos de ano, a Consellería do Mar participase en 11 feiras apoiando a diversas empresas pertencentes ás áreas da pesca, do conxelado, da acuicultura, da transformación, da comercialización e da conserva.

Ademais, a conselleira trasladou que, de cara a facilitar negocios comerciais das empresas, o seu departamento puxo a disposición un servizo de axenda de negocios para facilitar a ampliación dos contactos das empresas que participan na feira coa Xunta, establecendo unha axenda de reunións.

Anuga

A feira Anuga é o certame máis importante de Europa no campo da agroalimentación. Está dirixida a un público exclusivamente profesional e nela danse cita cadeas de supermercados, distribuidores do sector, tanto de venda ao maior como minoristas. É unha feira de carácter bienal na que Galicia participa cun posto de 231 m² que conta cunha área destinada a centro de negocios, na que as empresas poden manter encontros para ampliar o seu mercado.

Nesta edición, o certame conta con máis de 7.000 expositores de distintos sectores da alimentación, entre os que está representado o sector pesqueiro galego. Os expositores da feira están distribuídos nun espazo de 280.000 metros cadrados.

As empresas galegas que se promocionan neste encontro son Conservas Ramón Franco, Frigomar Burela, Conservas Pescamar, Conxelados Noribérica, Conservas Cerqueira, A Pulpeira, Anfaco-Cecopesca, Conservas La Brújula Ramón Peña, Connorsa, Orbe, Lanzal e Canned Fish Industrias Cerdeimar.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 10/10/2017