A Xunta gana o Premio Nacional de Artesanía pola posta en valor do traballo das redeiras

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, recolleron o premio outorgado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo

Recoñécese así o labor desenvolvido no proxecto ‘Enredadas’, que busca a diversificación do traballo destas profesionais co deseño e produción de novos produtos como complementos de moda ou pezas de bixutería

A Fundación xa recibiu este recoñecemento no ano 2013 na mesma categoría de ‘Promociona para Entidades Públicas’ polo seu impulso á innovación, o deseño, a formación e a mellora da comercialización do sector artesán galego
 

Madrid, 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, vén de obter o Premio Nacional de Artesanía na categoría Promociona para Entidades Públicas polo proxecto Enredadas.

Os galardóns, cuxos gañadores se deron a coñecer nunha gala celebrada hoxe en Madrid á que asistiron a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación, Elena Fabeiro, recoñecen así unha iniciativa na que van da man a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar e a través da cal se impulsa a diversificación da actividade das redeiras galegas, fortalecendo a súa formación e favorecendo a creación de novos produtos en colaboración con outros sectores, como o deseño, a moda, a bixutería ou os complementos.

A Fundación Artesanía de Galicia xa recibiu este recoñecemento no ano 2013, na mesma categoría de Promociona para Entidades Públicas, polo seu impulso á innovación, o deseño, a formación e a mellora da comercialización do sector artesán galego, ao tempo que se preservan os valores que constitúen a esencia dos produtos artesanais, como son a calidade dos materiais e un coidado proceso de selección.

Os Premios Nacionais de Artesanía, nos que a artesanía galega ten unha importante presenza cada ano, son convocados polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade co obxectivo de recoñecer as traxectorias e actuacións máis destacadas no eido da artesanía contemporánea. Deste xeito, buscan contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar nelas a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2017