A Xunta e a Fegamp crean a figura 'Concellos Doing Business' para xuntos seguir atraendo novos investimentos a Galicia

Subliña que un Concello Doing Business ofrecerá ás empresas que vaian instalarse nalgún dos seus polígonos industriais: rebaixas de ata o 95% no IBI, o IAE e o ICIO

Precisa que as empresas recibirán ata o 95% de bonificación cando o proxecto implique a creación de máis de 20 postos de traballo

O municipios implicados non esixirán a taxa por licenza de obra e apertura nos proxectos vinculados aos obxectivos da Industria 4.0 ou da RIS3

No relativo ao solo industrial, os municipios comprométense a fixar prezos competitivos, establecendo bonificación ou permitindo o dereito de superficie

Avanza que os concellos adheridos se beneficiarán das axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego ou o emprendemento e terán preferencia cando as convocatorias sexan en réxime de concorrencia competitiva

“Con este acordo establécese a figura do concello onde se pode e se quere investir; a figura do concello que sabe que é unha administración colaborativa co emprendedor para crear postos de traballo”

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a creación da figura dos 'Concellos Doing Business' para, xuntos, seguir atraendo novos investimentos a Galicia.

Durante a sinatura do convenio de colaboración coa Fegamp, Feijóo subliñou que con este acordo se establece a figura do concello onde se pode e se quere investir; a figura do concello que sabe que é unha administración colaborativa co emprendedor para crear postos de traballo.

O titular da Xunta incidiu en que o papel dos concellos que se sumen a esta iniciativa será fundamental para ampliar o alcance das medidas fiscais que recolle o novo texto normativo, que se aprobará o vindeiro 17 de outubro. Unha lei coa que se busca atraer novas empresas, investimentos e emprendedores e, en consecuencia, máis emprego, achegándolles: máis incentivos fiscais, menos papelame administrativo e unha oferta de solo industrial coas mellores condicións que se deron nunca en Galicia.

Deste xeito, o titular da Xunta subliñou que un Concello Doing Business será aquel que ofreza ás empresas que vaian instalarse nalgún dos seus polígonos industriais: rebaixas de ata o 95% no Imposto de bens inmobles, o Imposto de actividades económicas e o Imposto sobre construción, instalacións e obras.

“Estamos a falar de incentivos fiscais a cambio dun compromiso de creación de emprego por parte das empresas”, dixo, precisando que recibirán ata o 95% de bonificación cando o proxecto implique a creación de máis de 20 postos de traballo; de ata o 75%, cando supoña a contratación de entre 11 e 20 persoas; e como mínimo beneficiaranse dunha rebaixa do 50% nestes impostos se son ata 10 o número de empregos previstos.

Así mesmo, outro dos compromisos que asumen os 'Concellos Doing Business' é non esixir a taxa por licenza de obra e apertura en todos os proxectos empresariais vinculados aos obxectivos da Industria 4.0 ou da RIS3. E, en consonancia coa axilidade administrativa que persegue a lei, a concesión das licenzas de obra maior tramitarase nun prazo máximo de 30 días naturais desde que se dispón da documentación completa e de todos os informes sectoriais preceptivos.

No relativo ao solo industrial, Feijóo salientou que os municipios que sexan titulares de parcelas adoptan o compromiso de fixar prezos competitivos, establecendo bonificación ou permitindo o dereito de superficie.

Preferencia nas convocatorias de axudas autonómicas

Ao mesmo tempo, e de acordo con este convenio marco, Feijóo salientou que os concellos adheridos se beneficiarán das medidas que a Xunta poña en marcha para apoiar o tecido empresarial. É dicir, naquelas axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego ou o emprendemento, estes concellos terán preferencia cando as convocatorias sexan en réxime de concorrencia competitiva.

Durante a súa intervención, Feijóo referiuse a este convenio como un exemplo de unidade e de lealdade institucional en favor do investimento en Galicia. E, polo tanto, para consolidar o crecemento económico da Comunidade e o benestar dos galegos.

“Crecemos a un ritmo superior ao 3% nos últimos tres anos, levamos varios exercicios batendo récords de exportacións e Galicia xa recuperou case a metade dos empregos perdidos durante a crise”, aseverou, facendo fincapé en que esa mellora económica é a que hai que consolidar e traducir en forma de: máis axudas ás familias, menos impostos, máis investimento en servizos públicos e en máis recursos para apoiar a innovación e o emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2017