A Consellería do Mar mellora as condicións de operatividade do peirao de Palmeira, en Ribeira

Portos de Galicia investirá preto de 30.000 euros na reparación do dique aboiante e a rampla de varada e dotacións de auga, luz e elementos de amarre

Ribeira (A Coruña), 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

A Consellería do Mar a través de Portos de Galicia está a traballar na mellora da operatividade do peirao de Palmeira, no municipio coruñés de Ribeira. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona para comprobar os traballos que se atopan na súa fase inicial.

Durán Hermida explicou que a actuación de maior envergadura será a colocación dun módulo de pantalán aboiante reforzado en substitución do existente anteriormente, que se atopaba danado polo temporal. A petición da confraría de pescadores, o módulo retirado será fondeado con mortos na dársena para poder depositar os seus aparellos.

Esta obra, que se atopa xa en execución, incluirá tamén a colocación dun novo flotador de finger. Así mesmo, instalarase unha toma de auga e outra de enerxía na punta do dique de abrigo co fin de mellorar as condicións dos usuarios que teñen amarradas as súas embarcacións.

Finalmente, Durán Hermida explicou que Portos de Galicia ten prevista tamén a reparación da rampla de varada do porto de Palmeira, que presenta un pavimento de formigón deteriorado en varios puntos, así como a substitución de 20 argolas de amarre afectadas por oxidación. En total, o ente público investirá nestas melloras preto de 30.000 euros.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 10/10/2017