O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta tarde as instalacións de Párkinson Ferrol
A Xunta de Galicia aposta por unha maior coordinación socio-sanitaria para mellorar a atención ás persoas con párkinson

O titular autonómico puxo en valor o traballo que realiza a entidade e destacou a necesidade de seguir afondando na investigación, no coñecemento da enfermidade e na sensibilización do conxunto da sociedade

Ferrol, 10 de outubro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá as instalacións de Párkinson Ferrol. Alí, o titular autonómico coñeceu de primeira man as actividades que alí se realizan así como os servizos que presta a entidade: axuda, información e apoio a todos aqueles enfermos de párkinson e ás súas familias.

Durante o percorrido, Rey Varela puxo en valor o importante traballo que realiza esta asociación e incidiu en que, a pesar dos avances no tratamento desta enfermidade, queda moito camiño por percorrer. “Temos que seguir afondando na investigación, no coñecemento da enfermidade e na sensibilización do conxunto da sociedade”, explicou o titular autonómico. “É a obriga de calquera administración e goberno responsable ser sensible coas necesidades que presentan as persoas que máis precisan do noso apoio”, explicou o conselleiro. Neste sentido, apuntou que é necesario seguir apostando por unha maior coordinación socio-sanitaria que permita mellorar a atención e os servizos dirixidos ás persoas afectadas por esta doenza, “unha prioridade para o Goberno galego” afirmou.

O conselleiro tivo palabras de recoñecemento para os traballadores e os voluntarios que dedican o seu tempo de xeito desinteresado a colaborar nesta entidade. “O labor que desenvolven entidades como Párkinson Ferrol contribúe non só á mellora da calidade de vida das persoas afectadas, senón a facer máis visible esta enfermidade a través das actividades que desenvolven en materia de sensibilización social”, asegurou o titular autonómico.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2017