A Austrian Baroque Company ponlle o ramo a Espazos Sonoros 2017 cun programa de música instrumental barroca

O festival despídese o domingo 15 de outubro, ás 20:00 horas, cun concerto na igrexa de Santa María de Baiona a cargo do virtuoso frautista Michael Oman, acompañado doutros catro intérpretes

A décima edición de Espazos Sonoros, promovida pola Consellería de Cultura baixo a dirección artística de Belén Bermejo, percorreu desde o 2 de setembro os municipios de Vilasantar, Sobrado, Arbo, Montederramo, A Pontenova, Palas de Rei, Caldas de Reis, Lourenzá e Ourense con concertos, andainas, obradoiros e visitas guiadas en lugares de especial interese patrimonial

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2017
  • whatsapp

O festival Espazos Sonoros pecha esta fin de semana a programación de 2017 coa formación Austrian Baroque Company, que actuará o domingo 15 de outubro na igrexa de Santa María de Baiona. O concerto de clausura, de acceso gratuíto e libre ata completar a capacidade, dará comezo ás 20:00 horas e ofrecerá un repertorio de música instrumental barroca de autores vencellados á corte dos Habsburgo.

O virtuoso frautista Michael Oman e os intérpretes Florian Hasenburger (violín barroco), Wolfgang Heiler (fagot barroco), Daniel Oman (guitarra barroca) e Martina Schobersberger (clave) conforman este grupo de cámara austríaco de renome internacional –especializado na interpretación de música instrumental e vocal europea dos séculos XVI a XVIII–, que realizará en Baiona un percorrido desde a Viena imperial do Kaiser Leopold I, ata Innsbruck, planeando sobre os cumes dos Alpes e botando unha ollada cara ao sur no outono dun Barroco que se comeza a sentir coa morte, en Viena, de Antonio Vivaldi.

Escenarios e artistas da décima edición

A décima edición do festival Espazos Sonoros, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e dirixido por Belén Bermejo, botou a andar o pasado 2 de setembro cun cartel de nove concertos en lugares de especial interese cultural das catro provincias galegas.

Igrexas, muíños, castelos, mosteiros e mesmo fornos dos municipios de Vilasantar, de Sobrado, de Arbo, de Montederramo, de Palas de Rei, da Pontenova, de Caldas de Reis, de Lourenzá, de Ourense e de Baiona foron os escenarios da programación de 2017, que contou cos intérpretes Marco e Angela Ambrosini, e Eva-Maria Rusche; co ensemble Favola d’Argo, co catalán Xavier Díaz-Latorre, con Manseliña, co guitarrista Samuel Diz, co repertorio tradicional galego de Xesús Vaamonde e de Xosé Lois Romero, co repertorio de música de salón do XVIII que recuperaron o pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo o pasado mércores 11 de outubro no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, e coa Austrian Baroque Compony.

Roldas pola paisaxe organística, andainas e obradoiros

Tampouco faltaron á cita da décima edición as roldas pola paisaxe organista galega, que desta volta puxeron o foco no Camiño do Norte ao seu paso por Vilalba, Mondoñedo e Lourenzá, nin o habitual espazo de achegamento á música antiga, cun obradoiro no mosteiro de Sobrado dos Monxes dedicado ao mundo da danza histórica, no contexto do panorama musical do Renacemento.

As vistas á granxa ecolóxica Millo e Landras, para se achegar á experiencia da elaboración de queixo do país artesán e ao obradoiro de campás Ocampo, en Caldas de Reis, único en Galicia e un dos últimos que quedan na península Ibérica; a andaina polo espazo natural do Bidueiral de Gabín, en Montederramo e unha ruta pola contorna de Santa María de Sela, en Arbo, con mananciais, pesqueiras de lamprea e fermosas videiras, completaron as actividades para a descuberta do patrimonio cultural galego desta décima edición de Espazos Sonoros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/10/2017