A Xunta inviste 1,87M € en oito centros tecnolóxicos e de apoio á innovación para impulsar en Galicia o talento e a I+D+i

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no DOG a resolución da convocatoria dos contratos-programa, unha iniciativa que ten como obxectivo favorecer a competitividade, a excelencia científico-técnica e a colaboración co tecido empresarial

Coa actuación apóiase o labor que se realiza nos seis centros tecnolóxicos galegos recoñecidos pola súa excelencia no rexistro estatal do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e en dous centros de apoio á innovación

As axudas únense aos contratos-programa coas fundacións de investigación sanitaria de Galicia e cos centros galegos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), sumando preto de 3,2 millóns de euros en 2017

Nos últimos 4 anos a Xunta destinou máis de 14 millóns a esta iniciativa que permitiu a creación ou mantemento de 430 postos de traballo cualificados

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2017
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar a resolución da convocatoria dos contratos-programa para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, unha iniciativa que se enmarca na aposta do Goberno galego por impulsar en Galicia o talento e a I+D+i. Deste xeito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), investirá 1,87 millóns de euros en oito centros tecnolóxicos e de apoio á innovación co obxectivo de potenciar as súas liñas estratéxicas de investigación e a súa transferencia ao mercado, á vez que se impulsa a competitividade e a captación e retención de talento.

Os beneficiarios son os seis centros tecnolóxicos galegos recoñecidos pola súa excelencia no rexistro estatal do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade - Aimen, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Energylab-, e dous centros de apoio á innovación -o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e o Centro Tecnolóxico da Auga (CETAQUA)-.

Os contratos-programa achegan financiamento estable vinculando a achega pública aos resultados obtidos por cada centro en transferencia de coñecemento ou captación de fondos competitivos. É, polo tanto, unha fórmula que implica o cumprimento de esixentes indicadores de xestión e de resultados por parte de cada centro para determinar as súas dotacións. Configúranse así como unha vía con gran potencial para a atracción e retención de talento mediante actuacións centradas no capital humano, na liña de programas como o Oportunius ou o Principia.

As axudas que acaban de resolverse súmanse aos 1,34 millóns de euros que a Xunta destina á sinatura de contratos-programa cos centros de investigación sanitaria da Fundación de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez; a Fundación Profesor Novoa Santos, a Fundación Biomédica Galicia Sur, e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, así como cos centros galegos do Instituto Español de Oceanografía e do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Promóvese así a excelencia científico-técnica e a posta en valor do coñecemento, impulsando tamén a colaboración co tecido empresarial para potenciar o impacto na competitividade das empresas e o crecemento da economía galega.

Nos últimos catro anos a Xunta destinou máis de 14 millóns de euros aos contratos programa que permitiron a creación ou mantemento de 430 postos de traballo cualificados.

Esta actuación encádrase na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), tendo como finalidade a consolidación dos centros de coñecemento a través do funcionamento dos seus gastos estruturais. Estes centros empregan a máis de 1.800 persoas, realizan anualmente máis de 700 proxectos de I+D+i e prestan servizo a máis de 2.500 empresas.

Data de actualización: 15/10/2017