A Xunta visita o edificio de ferrería 45-47, premio Gran de area de aportación á arquitectura polo colexio de arquitectos de Galicia

A rehabilitación do inmoble supuxo para o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), participado nun 90% polo Goberno galego, un investimento de 670.000 euros

O delegado territorial e presidente do ente rehabilitador, Ignacio López-Chaves, xunto á arquitecta Eva María Castro, desprazouse ata o barrio histórico vigués
 

Vigo, 19 de outubro de 2017
  • whatsapp

O delegado da Xunta en Vigo e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o barrio histórico da cidade para visitar xunto á arquitecta Eva María Castro o edificio situado en Ferrería 45-47, recentemente galardoado co Gran de Area de Aportación á Arquitectura outorgado polo Colexio de Arquitectos de Galicia.

A rehabilitación do inmoble, composto por catro vivendas e un local comercial, supuxo para o promotor da obra, o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) un investimento de 670.000 euros. Na actualidade o ente rehabilitador -integrado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10 polo Concello de Vigo– está a piques de proceder á entrega das catro vivendas aos novos propietarios, unha vez finalizado o concurso de adxudicación dos mesmos.

A rehabilitación dos inmobles 45 e 47 da rúa Ferrería, a cargo da arquitecta Eva María Castro Álvarez, supuxo unha actuación integral e conxunta sobre ámbalas propiedades adquiridas polo Consorcio, e tivo como resultado a creación de dúas vivendas dunha habitación, unha de dúas habitacións e un dúplex de tres, cunhas superficies que oscilan entre os 56,65 metros cadrados da menor das vivendas e os 119,65 do dúplex. Tamén conta cun baixo comercial de 63,60 metros cadrados.

Como elemento distintivo da recuperación cabe destacar a integración no conxunto das lareiras orixinais, conservadas en moi bo estado, así como dalgunha das antigas conducións de pedra para a evacuación de augas. Tamén se remodelou a entrada principal para dotala de maior luminosidade e restaurouse a porta orixinal do inmoble, que agora dá paso ao establecemento comercial.

A rúa Ferrería, na zona alta do Casco Vello de Vigo, foi unha das que experimentou unha maior intervención por parte deste organismo rehabilitador; de feito ás 17 actuacións en edificios xa acometidas sumarase pronto a rehabilitación do inmoble situado en Ferrería 8, cuxa obra está previsto iniciar o próximo ano.

Longa lista de recoñecementos

Este novo recoñecemento súmase a unha xa longa lista de premios obtidos ao longo dos seus doce anos de existencia por parte do Consorcio Casco Vello de Vigo, entre os que cabe destacar ou obtido na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo de 2013, polo proxecto integral de recuperación da zona.

A delegación viguesa tamén obtivo outros tres premios por parte dos Colexios de Arquitectos. A construción da nova depuradora de Vigo, a instalación dunha piscina e a urbanización dunha leira en Nigrán e a rehabilitación dunha vivenda na Guarda lograron o distintivo do xurado. O resto de galardóns recaeron na xeadería “Bico de Xeado”, en Ourense; o espazo “Neomonon”, en Pontevedra; “Casa da Viña”, en Allariz; a remodelación dunha vivenda na Lonia; a fase 11 da reforma de Ponteledesma, en Vila de Cruces; un centro de día de maiores, en Leiro, e a rehabilitación da nave lateral do Mosteiro de San Clodio.

O acto de entrega dos galardóns terá lugar o próximo día 20 de outubro nas instalacións do Liceo de Ourense.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 19/10/2017