O obradoiro de emprego “Baliño” formará a 15 mozas e mozos desempregados de Pantón, O Saviñao e Sober durante os vindeiros seis meses

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado dos alcaldes destas localidades, mantivo un encontro co alumnado participante

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina a este taller, enfocado a albanelaría e construcións de madeira, preto de 140.188 euros

No que atinxe á área sur da provincia o investimento da Xunta supera os 840.000 euros destinados á posta en marcha de catro obradoiros que benefician a 70 persoas ata o momento desempregadas
 

Pantón (Lugo), 20 de outubro de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, achegouse hoxe ata a localidade luguesa de Pantón para manter un encontro cos alumnos- traballadores que participan no obradoiro de emprego “Baliño”, concedido a través do Sistema de Garantía Xuvenil e apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración cos concellos de Pantón, O Saviñao e Sober.

Os participantes son 15 mozas e mozos menores de 30 anos, que comezaron a súa formación técnica nas especialidades de albanelaría ou montaxe e instalación de construcións de madeira, o que permitirá ampliar as súas expectativas laborais.

O Goberno galego destina a este obradoiro máis de 140.000 euros que fan posible, entre outros a contratación do alumnado, dun director, dun administrativo e dous monitores.

No acto, Balseiro estivo acompañado polo alcalde de Pantón, Jose Luís Álvarez, polo polo rexedor de Sober, Luís Fernández e o tenente de alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto. Cómpre lembrar que os obradoiros de emprego son acción que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional.

Formación teórico-practica


Nestas semanas os participantes reciben a formación teórica necesaria para, máis adiante, desenvolver distintos traballos prácticos e executar obras de interese social.

Así por exemplo en Pantón encargaranse do peche da pista deportiva do Baliño e da adecuación da casa do campo da feira.

En Sober está previsto que se encargan da renovación e construción de novas marquesiñas e da adecuación da fachada e interior dos edificios anexos á Casa do Concello.

Finalmente no Saviñao executarán, o peche no campo da Lama de Sampil, adecuaran á biblioteca pública e renovarán distinto mobiliario urbano e dos edificios públicos.

Ao remate do obradoiro os participantes recibirán un certificado de profesionalidade, con validez en toda España, que acredita os coñecemento e aptitudes adquiridas.

Amais os alumnos-traballadores tamén recibirán formación específica en materia de emprendemento que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos, de optar polo autoemprego.

Máis de 70 persoas beneficiarias no sur lucense


No que atinxe ao sur da provincia de Lugo, desenvólvense catro obradoiros de emprego en nove concellos, que beneficiarán a máis de 70 persoas ata ese momento desempregadas. A administración autonómica dedica para este fin 840.000 euros.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2017