O obradoiro de emprego Vigo Capacita IV formará 20 desempregados durante os vindeiros nove meses

A Xunta destina a este taller, enfocado a operacións básicas de cociña e operacións de restaurante bar, preto de 280.000 euros

No que atinxe á área territorial de Vigo, o orzamento supera os 4,2 millóns de euros para a posta en marcha de 14 obradoiros que beneficiarán a 250 desempregados

O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata o Centro Cultural, Artístico e Recreativo de Valladares para saudar aos alumnos

Vigo, 20 de outubro de 2017
  • whatsapp

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o Centro Cultural, Artístico e Recreativo de Valladares para saudar aos alumnos que iniciaron a súa formación no Vigo Capacita IV, o obradoiro de emprego posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O Goberno galego destina a este taller, no que se formarán 20 desempregados nas especialidades de operacións básicas de cociña e operacións de restaurante bar, preto de 280.000 euros. Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben formación e un contrato de traballo, ademais dun certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan varias novidades, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses.

Trátase dunha actuación que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional. No que atinxe á área territorial de Vigo, desenvolveranse 8 obradoiros xerais e 6 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica. Á posta en marcha destes 14 talleres, dos que se beneficiarán 250 desempregados, a Administración autonómica dedica máis de 4,2 millóns de euros.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2017