A Xunta destaca o labor de Asperga e pon en valor as axudas do Coopera para ampliar o persoal das entidades sen ánimo de lucro

A secretaria xeral de emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe aos traballadores da Asociación Galega de Asperger que está a loitar por unha mellora na atención sanitaria, educativa e laboral das persoas afectadas por este síndrome

O Goberno galego apoia con máis de 11 millóns de euros a contratación de 750 desempregados en entidades sen ánimo de lucro

O labor que realizan céntrase principalmente en servizos de carácter social relacionados coa discapacidade e a atención a maiores, nenos ou persoas en risco de exclusión social

O DOG vén de publicar as axudas xerais para este colectivo, que se poden solicitar ata o 16 de novembro, ás que se suman as dirixidas especificamente á contratación de menores de 30 anos e que se encontran en fase de resolución

A Coruña, 20 de outubro de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe aos traballadores de Asperga, a Asociación Galega de Asperger que desde o ano 2006 traballa na Comunidade contribuíndo co seu labor a mellorar a atención sanitaria, educativa e laboral das persoas afectadas por este síndrome.

Toca puxo en valor o traballo diario que esta entidade desenvolve co que se contribúe á inclusión laboral destas persoas a través da mellora das súas habilidades co desenvolvemento de diferentes obradoiros.

A secretaria xeral de Emprego destacou, deste xeito, a importancia que ten que estas entidades sen ánimo de lucro poidan ampliar o seu cadro de persoal para prestar máis e mellores servizos aos seus socios. Asperga conta na actualidade con 180 socios e ao longo do pasado ano realizou máis de 2.300 sesións de terapia psicolóxica, ocupacional ou de habilidades sociolaborais e obradoiros TIC, entre outras.

Neste ámbito, a Xunta conta co Plan Coopera, axudas para apoiar a contratación de persoal nas entidades sen ánimo de lucro. Este ano destina máis de 11 millóns de euros á contratación de 750 desempregados neste tipo de asociacións que realizan principalmente servizos de carácter social relacionados coa discapacidade e a atención a maiores, nenos ou persoas en risco de exclusión social.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina, dunha banda, 8,1 millóns de euros para a contratación en xeral de 500 traballadores en 235 entidades e, doutro lado, inviste 3 millóns de euros para a inserción laboral de 250 menores de 30 anos en preto de 170 asociacións, a través do sistema de Garantía Xuvenil, unha orde de axudas que saíu publicada no DOG en agosto e está en fase de resolución.

Con respecto á convocatoria dotada con 8,1 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar esta iniciativa no DOG. Estes apoios poden solicitarse ata o próximo 16 de novembro.

A actuación, segundo explicou Toca, está dirixida ás entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, preferentemente no eido da discapacidade e/ou risco de exclusión social.

A contía máxima da axuda que percibirán as entidades beneficiaras varía segundo o grupo de cotización. O pasado ano, a medida concedida por traballador nos dous programas foi de preto de 15.000 euros. Os beneficiarios deberán estar desempregados e inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

O apoio ás entidades sen ánimo de lucro enmárcase na Axenda 20 para o Emprego coa que o Goberno galego está impulsando o traballo estable e de calidade. Un dos retos principais desta planificación da Xunta é apoiar ás persoas con máis dificultades para atopar un posto laboral.

Esta actuación complementa ademais outras iniciativas que ten en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria para colaborar coas entidades sen ánimo de lucro, entre as que destacan o programa de contratación de axentes de emprego, profesionais que axudan ás persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social a atopar un posto de traballo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2017