A directora xeral de Maiores, Fabiola García, participou hoxe en Santiago na inauguración da programación da entidade para o período 2017-2018
A Xunta salienta a importancia da formación das persoas maiores na apertura do novo curso de aulas da terceira idade

A responsable do departamento autonómico de Maiores destacou o compromiso de Ategal coa formación non regrada, que permite ás persoas maiores gozar dunha vida activa, favorece a participación e as relacións interpersoais, e pon en valor o talento senior

Santiago, 20 de outubro de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García, participou hoxe no acto de apertura do curso 2017-2018 das Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal), que tivo lugar na sede do Auditorio de Abanca na capital galega e co que comeza de maneira oficial a nova programación de actividades que esta entidade de iniciativa social desenvolve nos seus centros de maiores e sedes. Fabiola García felicitou a Ategal polo seu compromiso coa formación non regrada das persoas maiores, que lles permite gozar dun envellecemento activo, favorece a participación e fomenta un ocio proveitosos mediante a educación.

Na súa intervención, a responsable do departamento autonómico de Maiores destacou a colaboración que dende hai anos mantén a Administración autonómica con esta entidade con 40 anos de historia e pioneira na formación de persoas adultas, e que fai posible o desenvolvemento dunha ampla programación nas nove sedes que Ategal ten en Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Ourense, Lugo, Padrón, Monterroso e Vilalba. “Un dos compromisos do Goberno galego é propiciar que os nosos maiores participen activamente en proxectos e actividades que lles sexan de interese para eles mesmos e para o conxunto da sociedade”, apuntou Fabiola García.

Ao respecto, a directora xeral de Maiores subliñou que a programación de Ategal “contribúe a que as persoas de 50 anos ou máis sexan activas, fomenta as relacións interpersoais, potencia o desenvolvemento de capacidades e aptitudes e pon en valor o talento sénior”. Deste xeito, sinalou que os valores e actividade de Ategal se encadran nos obxectivos que procura a Estratexia Galega de Envellecemento Activo que está a desenvolver a Xunta e as entidades do terceiro sector e que se fundamenta en catro eixos básicos: o emprego; a participación na sociedade; a vida independente, activa e segura; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades.

Fabiola García resaltou que Galicia ten un “especial respecto polas persoas maiores, as cales ocupan un lugar principal na nosa cultura e tradición, así como nas nosas familias e na nosa sociedade”. E, por último, fixo un chamamento aos maiores instándoos a que aproveiten as oportunidades que hoxe en día teñen para participar activamente na sociedade, que “é fundamental para gozar destes anos con calidade de vida, benestar e saúde”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2017