A Xunta sinala a importancia da formación para o emprego para responder aos novos perfís profesionais que demandan as pemes

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Lugo na clausura do XIX Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo

Expón as medidas que está executando a Xunta en materia formativa para aumentar a empregabilidade dos galegos e galegas

Salienta o Bono Emprega Xuventude que ofrece á mocidade formación e unha oportunidade laboral en sectores estratéxicos e o investimento destinado a cualificar aos traballadores

Marnotes pon en valor o labor conxunto con Portugal na identificación de ofertas de traballo para os mozos e mozas
 

Lugo, 21 de outubro de 2017
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Lugo na clausura do XIX Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo que se vén desenvolvendo desde o pasado xoves na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela baixo o tema A Formación Profesional Dual: Dúos ou Duetos?.

Marnotes, en primeiro lugar, puxo en valor o labor conxunto que Galicia realiza con Portugal na identificación de oportunidades laborais, principalmente para os mozos e mozas, ao tempo que sinalou a aposta da Xunta pola formación dual e a importancia da formación para o emprego para dar resposta aos novos perfís profesionais que está demandando o tecido produtivo galego cara ao desenvolvemento do novo modelo industrial e, polo tanto, para incrementar as oportunidades laborais das persoas sen emprego.

Neste ámbito, expuxo as ferramentas coas que conta o Goberno galego para impulsar a formación entre as que destacou o programa Emprega Xuventude, unha experiencia piloto pioneira na Comunidade, xa que combina por primeira vez formación e incentivos á contratación para mellorar a situación profesional da mocidade.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe, segundo explicou Marnotes, axudas a través dun bono de 7000 euros. Deste forma, nunha primeira fase, de forma experimental, investiranse 3,5 millóns de euros, financiados a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para beneficiar a 500 mozos e mozas que se poderán cualificar e traballar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario.

Para mellorar a súa cualificación, outorgarase un bono de 2000 euros aos participantes, que se formarán nas propias empresas, polo que a formación se centrará nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. É dicir, a Xunta apoiará un plan de formación adaptado ás necesidades e habilitades do propio posto de traballo. Será, polo tanto, unha formación adaptada á demanda real das empresas galegas.

Para incentivar a contratación, haberá un segundo bono de 5000 euros -tamén por participante- para empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculadas á innovación tecnolóxica industrial ou ao sector agroalimentario. Os contratos deberán ter unha duración mínima de 12 meses. Para recibir o bono formación será indispensable que a compañía teña contratado ao mozo ou moza.

Do que se trata é de identificar novas saídas laborais para os novos perfís profesionais e poder, desta forma, contar con profesionais máis preparados en sectores que precisan cualificación especializada como son os dous nos que se centra este ano Emprega Xuventude.

Unidades formativas


Outra das medidas que puxo en valor o director xeral foi as Unidades Formativas nas Empresas para adaptar a formación ás necesidades específicas de cada empresa. A través desta iniciativa son as propias compañías as que forman aos traballadores adquirindo un compromiso de contratación do 60% dos participantes para o que contan con incentivos á contratación, axudas que poden alcanzar os 9.000 euros no caso dun traballo indefinido. Pola súa banda, a Administración autonómica financia o 100% da formación e incentiva ás empresas que superen esta porcentaxe de contratacións.

Marnotes, por último, centrouse na formación á porta para acercar a oferta formativa da Xunta aos concellos que non conten con centros homologados. Trátase dun programa para impulsar a especialización de 2.500 mozos e mozas menores de 30 anos.

O director xeral puxo en valor tamén o investimento que está realizando a Xunta para formar a persoas ocupadas, 22,5 millóns de euros entre 2017 e 2018 para a mellora da cualificación de 12.000 traballadores galegos. Nesta edición, o Goberno galego priorizará os sectores emerxentes e os vinculados coa Industria 4.0. O obxectivo é adaptar a formación das persoas que contan cun posto de traballo ás novas esixencias que demanda o mercado laboral e, polo tanto, o tecido produtivo galego. Do que se trata é de atender aos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas e ás aspiracións de promoción profesional dos traballadores permitíndolles mellorar a súa empregabilidade.

Data de actualización: 21/10/2017