A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, acudiu á inauguración da xornada para persoas con síndrome de Down, familias e profesionais
A Xunta reforza o seu compromiso coa integración no encontro anual de Down Galicia

O evento serviu de punto de reunión no que compartir experiencias e coñecementos no ámbito deste síndrome

A titular autonómica insistiu en que a diversidade e a pluralidade son características esenciais da poboación galega e que o obxectivo do departamento que dirixe é que todos os colectivos melloren a súa calidade de vida

Para elo, a administración autonómica destina preto de 450.000 á entidade no 2017 para o seu mantemento e para o desenvolvemento de programas de interese
 

Santiago, 21 de outubro de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, acudiu esta mañá á inauguración do encontro anual de persoas con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual, familias e profesionais, organizado por Down Galicia. Trátase dun evento que serve de punto de reunión no que compartir experiencias e coñecementos relacionados con este síndrome e no que ademais se deu conta dos datos máis salientables do movemento Down no pasado ano 2016.

Os asistentes desfrutaron de diversos relatorios e actividades lúdicas ao longo da xornada, que a titular autonómica definiu como unha ocasión para aprender e medrar como persoas e para fomentar a integración de todos os galegos e galegas na sociedade independentemente dos cromosomas que teñamos. Así mesmo, insistiu en que a diversidade e a pluralidade son características esenciais da poboación galega e que o obxectivo do departamento que dirixe é que todos os colectivos, especialmente aqueles que precisan de máis apoio, melloren a súa calidade de vida.

Para axudar a conseguir esa meta, a administración autonómica asinou o pasado mes de maio un convenio nominativo con Down Galicia para o mantemento da súa estrutura e para a realización de programas de interese xeral. Ao abeiro deste acordo, a Consellería de Política Social inviste neste 2017 446.388 euros en dita entidade. Así mesmo, o departamento autonómico tamén está a traballar nun convenio con Down Galicia para levar a cabo un programa piloto de envellecemento por importe de 85.000 euros.

Fabiola García animou aos presentes a desenvolverse a nivel persoal e profesional, xa que en ambos camiños, “a Xunta de Galicia estaravos acompañando no que precisedes”, asegurou.

Cómpre destacar que a Consellería de Política Social, continua a apoiar as medidas necesarias para acadar o obxectivo da inclusión social, efectiva e real, das persoas con discapacidade a través da Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/10/2017