Ribeira súmase aos 66 concellos de Galicia adheridos á Axencia Pública de Legalidade Urbanística

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o rexedor local, Manuel Ruíz, asinaron hoxe o acordo polo que a Administración local confía as súas competencias en disciplina urbanística na Axencia

Así, a APLU asumirá a inspección, control e reposición da legalidade en relación a obras e usos do solo que se executen no municipio de Ribeira e sempre que sexan en solos rústicos, non urbanizables ou urbanizable sen planeamento aprobado

Mato Otero destacou a importancia de que a inspección urbanística chegue a todos os concellos co fin de repoñer a legalidade urbanística alí onde sexa necesario e recuperar as paisaxes degradadas por ocupacións e usos ilícitos
 

Santiago, 25 de outubro de 2017
  • whatsapp

Ribeira súmase aos 66 concello galegos adheridos á Axencia Pública de Legalidade Urbanística (APLU) da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Unha adhesión que será efectiva logo da publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio que esta mesma mañá referendaron a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o rexedor local, Manuel Ruíz Rivas, para a encomenda á APLU das competencias municipais en materia de disciplina urbanística.

Así, mediante este convenio, a Axencia asumirá os traballos de inspección, supervisión e restablecemento da legalidade urbanística establecidas nos artigos 152 e seguintes da Lei do Solo de Galicia, en relación coas obras e usos do solo que se executen no ámbito do Concello de Ribeira sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas nalgunha das seguintes clases de solo: rústico ou non urbanizable en calquera das súas categorías, urbanizable ou apto para urbanizar, mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento e núcleos rurais delimitados no planeamento urbanístico municipal.

Neste senso, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio felicitou ao alcalde ribeirense pola aposta do concello pola protección do territorio e a promoción dun urbanismo sostible e responsable. Así, sinalou a importancia de que a inspección urbanística chegue a todos os concellos de Galicia co fin de repoñer a legalidade alí onde sexa necesario e recuperar as paisaxes que poidan resultar degradas pola ocupación ou usos ilícitos.

Cómpre recordar que a finalidade última da APLU é velar polo uso racional do solo conforme á normativa urbanística, polo que a colaboración e coordinación entre administracións con competencias urbanísticas é un aspecto fundamental.

Seguir medrando


Coa adhesión, un proceso voluntario, os concellos ceden as súas competencias en favor da APLU, para que sexa esta a que dun modo obxectivo e eficaz protexa a paisaxe da Comunidade. Cómpre lembrar que un dos retos do actual Goberno galego é seguir medrando, polo que se aposta por trasladar aos rexedores municipais os beneficios de estar adheridos á APLU

 

Ademais da función de control e disciplina urbanística, a Axencia asiste desde o punto de vista técnico e xurídico aos concellos adheridos e, tamén, ofrece formación e procura a concienciación cidadá, co fin de que os operadores xurídicos e técnicos, así como a cidadanía en xeral, estean formados en valores proteccionistas do noso patrimonio natural. Igualmente, inclúe a tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística e sancionadores, e a protección da servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.

As cifras dos concellos adheridos


Coa adhesión de Ribeira o número total de concellos adheridos á APLU ascende a 67, co seguinte reparto provincial: 25 na Coruña, 20 na de Ourense, na provincia de Lugo 11 e outros 11 na de Pontevedra. Isto tradúcese nunha superficie de máis de 5.000 km2, nos que viven case 350.000 persoas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/10/2017