A Xunta fomenta a mellora da seguridade no sector pesqueiro coa concienciación sobre o uso dos dispositivos de salvamento

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na xornada de clausura da campaña de sensibilización sobre dispositivos de salvamento e rescate para os buques pesqueiros de Galicia desenvolvida por Fundamar, co apoio da Xunta

A iniciativa, que se puxo en marcha en xaneiro, estivo dirixida a institucións públicas, armadores, tripulantes, empresas e entidades representativas do sector

Leváronse a cabo accións a bordo de embarcacións para sensibilizar a armadores e tripulacións sobre a importancia de realizar revisións nos dispositivos de salvamento e rescate

Toca destaca que a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020 inclúe 163 medidas para reducir a sinistralidade laboral, unha prioridade para o Goberno galego
 

Vigo, 26 de outubro de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na xornada de clausura da campaña de sensibilización sobre dispositivos de salvamento e rescate para os buques pesqueiros de Galicia, que desenvolveu a Fundación para a pesca e o marisqueo (Fundamar), co apoio da Xunta. O obxectivo desta iniciativa é mellorar a seguridade marítima no sector a través da concienciación e sensibilización sobre dispositivos de salvamento e rescate nas embarcacións galegas.

Toca puxo en valor a campaña que arrancou no mes de xaneiro e estivo dirixida a institucións públicas, armadores, tripulantes, empresas e entidades representativas do sector pesqueiro. Ademais, leváronse a cabo accións de sensibilización a bordo de buques de pesca co obxectivo de concienciar ás tripulacións e armadores da importancia de desenvolver revisións e inspeccións sobre os dispositivos de salvamento e rescate, indispensables en caso de emerxencia.

A secretaria xeral de Emprego destacou outras iniciativas que está levando a cabo o Goberno galego para reducir a sinsitralidade laboral en xeral e, en particular, no sector da pesca, un ámbito no que nos primeiros seis meses do ano reducíronse en Galicia os accidentes nun -10,2%, en comparación co mesmo período do ano anterior. Os sinistros mortais na pesca baixaron, ademais, nun 25%.

Lembrou, entre outras actuacións, a elaboración da Guía para a vixilancia da saúde no sector pesqueiro, un documento desenvolvido conxuntamente polos institutos de seguridade e saúde laboral de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, que pretende axudar a identificar os riscos laborais en función do tipo de frota e arte, e subarte dos barcos que forman parte do sector, dos colectivos dedicados ás actividades auxiliares da pesca e dos ocupados no marisqueo ou a acuicultura.

A secretaria xeral de Emprego, ademais, apuntou que a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade para o Goberno galego, que, a través da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020, unha planificación consensuada cos interlocutores sociais, está executando 163 medidas neste ámbito.

Entre os obxectivos destacan a mellora da eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.
 

Data de actualización: 26/10/2017