A Xunta abre o prazo de solicitude da axuda que favorece a conciliación dos autónomos en Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar esta liña de apoio, pioneira na Comunidade autónoma, coa que se financia a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Estratexia Autónomo 2020, investirá 800.000 euros na actuación, que se prorrogará nos vindeiros anos

Abonarase o 100% da cota empresarial da Seguridade Social, incluíndo os conceptos por accidentes de traballo e enfermidades profesionais

Financiaranse os contratos que se teñan renovado ou se renoven, unha vez rematada a baixa por maternidade, entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2017

Esta medida súmase a outros programas pioneiros postos en marcha este ano pola Xunta para apoiar o traballo por conta propia como son a ampliación da tarifa plana e o Bono Autónomo

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2017
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a axuda específica dirixida a autónomos para financiar durante 16 semanas a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade. Deste xeito, o Goberno galego amplía outras 16 semanas máis a bonificación do Estado, o que permitirá aos pais e nais autónomos manter durante un total de 32 semanas este apoio que cubre o 100% da cota empresarial da Seguridade Social, incluíndo os conceptos por accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

O prazo de solicitude desta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pioneira na Comunidade Autónoma, será dun mes, ata o 27 de novembro, para as contratacións realizadas antes da publicación da orde de axudas no DOG. Para as que se desenvolvan posteriormente, o prazo será dun mes desde a fecha da contratación, co límite do 30 de novembro.

O Goberno galego, a través da Estratexia Autónomo 2020, investirá este ano 800.000 euros nesta actuación que nace con carácter permanente, é dicir, que se prevé prorrogar nos vindeiros anos. Para ter dereito á axuda, previamente a persoa traballadora autónoma tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade e ter contratado a unha persoa desempregada co contrato de interinidade por maternidade ou paternidade. Financiaranse os contratos que se teñan renovado ou se renoven, unha vez rematada a baixa por maternidade ou paternidade, entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano. É unha axuda flexible, xa que a renovación do contrato se poderá facer, como máximo, nos 15 días posteriores aos que finalice a baixa. Estímase unha axuda media de 2.000 euros por contrato.

A Xunta, deste xeito, segue executando a Estratexia Autónomo 2020 co obxectivo de poñer ao alcance dos traballadores por conta propia as maiores facilidades para que poidan seguir emprendendo e crecendo. A planificación inclúe 20 medidas que a día de hoxe están executadas practicamente ao 100%.

Esta iniciativa para favorecer a conciliación súmase a outras actuacións pioneiras desenvolvidas este ano como son a ampliación da tarifa plana, o Bono Autónomo e a Oficina do Autónomo.

Data de actualización: 29/10/2017