Medio Ambiente destaca a importancia do sector inmobiliario na consecución dunha paisaxe urbana coidada e harmónica a través da Guía de cor e materiais de Galicia

A directora xeral do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, presentou hoxe aos membros das asociacións provinciais de promotores inmobiliarios da Coruña e Pontevedra a nova ferramenta para loitar contra o feísmo

Santé salientou que se trata dun manual no que se recollen recomendacións para optimizar o xeito no cal as construcións se integran na paisaxe co obxectivo de potenciar a diversidade harmoniosa no patrimonio arquitectónico galego

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou hoxe a Guía de cor e materiais de Galicia a membros do sector inmobiliario da Coruña e Pontevedra como a nova ferramenta para a loita contra o feísmo e a promoción dunha ordenación urbana coherente e harmoniosa. Foi durante unha reunión de traballo que a directora xeral do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, mantivo con representantes das asociacións provinciais da Coruña e Pontevedra dada a importancia deste sector na consecución dunha paisaxe urbana coidada e coherente e na promoción da diversidade harmónica no patrimonio arquitectónico galego.

Durante este encontro, a responsable do IET explicou que se trata dun manual no que se recollen diferentes recomendacións para optimizar o xeito no cal as construcións se integran na paisaxe, tanto os edificios novos como os rehabilitados, co fin de acadar a harmonía e a coherencia. Do mesmo xeito, sinalou que son propostas e recomendacións, polo que para que sexa realmente útil, cómpre asumir estas indicacións como propias.

Neste senso, animou aos membros das asociacións de promotores inmobiliarios a seguir na senda trazada coa publicación deste guía e a contribuír co seu traballo na concienciación social sobre a importancia de velar pola coherencia na paisaxe urbana por canto redunda nun bo balance socioeconómico.

Deste xeito, os representantes do sector mostraron o seu compromiso de difundir o contido da guía a través das distintas actividades formativas que organizan desde os seus colectivos, así como potenciar a súa presencia en premios e certames.

Coa reunión de hoxe, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio avanza na rolda de contactos iniciada a pasada semana con técnicos da Fegamp co fin de dar a coñecer esta nova ferramenta e favorecer a posible aplicación destas recomendacións nos distintos instrumentos de ordenación. Así, continuarase coa labor de divulgación e promoción do contido da guía entre os distintos axentes sociais e colectivos de profesionais do sector.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/10/2017