Unha decena de itinerarios culturais europeos reuniranse en Galicia para intercambiar estratexias en turismo cultural

O Centro Superior de Hostelería de Galicia acollerá a próxima semana un encontro entre os camiños de Santiago de Compostela, as rutas dos Vikingos, o Itinerario Europeo do Patrimonio Xudeu, os Camiños da Viña (Iter Vitis), a Ruta das Abadías Cistercienses, a Ruta Europea dos Cemiterios, os Camiños da Arte Rupestre Prehistórica, o Itinerario das Vilas Termais Históricas e a Ruta dos Fenicios

A xuntanza forma parte do amplo programa conmemorativo polo 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo
 

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017
  • whatsapp

Unha decena de itinerarios culturais europeos reuniranse a próxima semana en Galicia para intercambiar estratexias en materia de turismo cultural. O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) acollerá unha xornada de traballo impulsada por Turismo de Galicia no marco da conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, que desde a semana pasada e ata finais de novembro conta cun amplo programa de actividades.

A capital galega, meta da peregrinación xacobea que inaugurou en 1987 este programa do Consello de Europa, será a sede desta xuntanza o próximo luns, día 6, coa participación dos camiños de Santiago de Compostela, as Rutas dos Vikingos, o Itinerario Europeo do Patrimonio Xudeu, os Camiños da Viña (Iter Vitis), a Ruta das Abadías Cistercienses, a Ruta Europea dos Cemiterios, os Camiños da Arte Rupestre Prehistórica, o Itinerario Europeo das Vilas Termais Históricas e a Ruta dos Fenicios. Trátase de itinerarios con características moi diversas e presenza na nosa Comunidade a través dos que se desenvolven uns valores que favorecen a cooperación cultural, a valoración do patrimonio e o enriquecemento persoal.

No marco do Ano Internacional de Turismo Sustentable, que se celebra en 2017 a proposta da Organización Mundial do Turismo (OMT), e coa vista no Ano Europeo do Patrimonio Cultural que terá lugar o próximo ano, este encontro impulsará a participación dos axentes interesados, dará a coñecer o traballo destes itinerarios culturais europeos e permitirá que se fomenten accións innovadoras no eido do turismo cultural, un ámbito clave en Galicia.

Os itinerarios culturais europeos, como subliña o Consello de Europa, son un modelo de xestión para poñer en práctica e fortalecer os seus valores fundamentais. Por medio deles, contribúese a preservar o patrimonio cultural e natural, a identidade e a diversidade. Son, ademais, base para o enriquecemento e o diálogo intercultural e para o desenvolvemento económico a través dun turismo sustentable como o que caracteriza a nosa Comunidade.

Este programa conmemorativo polo 30 aniversario completarase con actividades como o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos Iacobus Patronus, con especialistas de varios países coordinados polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; e co seminario Transnational Tourism Themes and Routes, promovido por Turismo de Galicia, xunto á Organización Mundial do Turismo (OMT) e á European Travel Comission (ETC).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/10/2017