O paro baixa en 13.037 desempregados na evolución anual, unha caída constante desde hai 4 anos que sitúa a Galicia en niveis de 2009

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou hoxe que 1 de cada 3 persoas abandonaron as listas do paro nos últimos 4 anos, contando neste período con 82.322 desempregados menos

Sinala que as afiliacións á Seguridade Social continúan en aumento, con 18.352 máis, e resalta o incremento da contratación indefinida, nun 19,87%, superando en máis de 10 puntos o reflectido na temporal

O desemprego descende en todos os sectores, nas catro provincias, as sete grandes cidades e nos colectivos prioritarios para a Xunta: menores de 30 anos (-3,03%), parados de longa duración (-8,77%) e mulleres (-3,92%).

Explica que os datos ratifican que o contexto económico e laboral en Galicia segue a ser favorable avanzando cara o reto fixado para 2018: a creación de 17.500 novos postos de traballo e pechar o ano cunha taxa de paro do 14%

Indica que as políticas activas de emprego seguen sendo unha prioridade no Orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria con 135 millóns de euros co foco posto nos perfís profesionais que se necesitan na nova industria

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2017
  • whatsapp

Galicia pechou outubro cunha caída do paro rexistrado do -6,55%, é dicir, conta con 13.037 persoas menos en situación de desemprego con respecto a hai un ano, o que sitúa á Comunidade en niveis de hai 8 anos (outubro de 2009), encadeando catro anos consecutivos de caídas nun mes de outubro. Neste período, desde outubro de 2013, un de cada tres persoas abandonaron as listas do paro sumando 82.322 persoas menos. Ademais, a baixada é constante desde novembro de 2013, desde hai catro anos.

Toca sinalou que os datos ratifican que o contexto económico e laboral en Galicia segue a ser favorable ao baixar o paro, crecer as afiliacións e as contratacións na evolución anual.

Con respecto ás afiliacións, puxo de manifesto que seguen crecendo, nun 1,89%, é dicir, Galicia conta con 18.352 afiliacións máis con respecto a outubro de 2016, o que supón que a Comunidade rexistra máis de tres anos e medio de crecemento consecutivo.

En canto ao número de contratos, sobe nun 9,96% en termos xerais, medrando a indefinida nun 19,87%, superando en máis de 10 puntos o reflectido na temporal. Ademais, crece a contratación a tempo completo nun 9,32%.

O desemprego tamén cae en todos os sectores, liderando o descenso a construción (-19,46%), seguido da agricultura e pesca (-10,53%) e da industria (-9,67%). Descende, ademais, nos colectivos prioritarios cos que traballa a Xunta: menores de 30 anos (-3,03%), parados de longa duración (-8,77%) e mulleres (-3,92%). Así mesmo, o paro baixa nas catro provincias e nas sete grandes cidades. Con respecto ao análise provincial, lidera o descenso a de Ourense (-7,38%), seguida da de Pontevedra (-7,20%), a de Lugo (-6,68%) e a da Coruña (-5,62%).

Toca tamén puxo en valor que o paro caeu nun 80% dos concellos galegos resaltando, ao respecto, o esforzo que a Administración autonómica está a facer para impulsar o emprego local co obxectivo de dinamizar a súa economía e fixar poboación no rural. Así, recordou que onte mesmo o Consello da Xunta aprobou un novo programa de formación específico para menores de 30 anos que inclúe por primeira vez a modalidade de formación á porta para achegar 32 cursos para 500 desempregados a 27 concellos que non contan con centros homologados par impartilos.

A menor subida do paro na evolución mensual

Con respecto ao incremento de paro rexistrado con respecto a setembro, Toca apuntou que é a menor subida rexistrada neste mes na serie histórica, desde 1996. Na Comunidade Autónoma o paro rexistrado presenta un crecemento menor que o rexistrado no Estado: en Galicia aumenta nun 1% fronte ao 1,67% de España.

A secretaria xeral de Emprego afirmou, por último, que, á vista destas cifras, e a última Enquisa de Poboación Activa (EPA), o mercado laboral en Galicia sigue mellorando, polo que asegurou que a Comunidade Autónoma avanza cara o reto fixado para 2018: a creación de 17.500 novos empregos e pechar o ano coa taxa de paro no 14%. Para iso, lembrou que as políticas activas de emprego seguen sendo unha prioridade para o Goberno galego co obxectivo de incrementar o benestar dos galegos e galegas. Deste xeito, o Orzamento de 2018 destina ao eido laboral 135 millóns de euros co foco posto nos perfís profesionais que se necesitan na nova industria. Para os programas dirixidos a fomentar a contratación de desempregados e mellorar as súas condicións laborais destínanse 65 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/11/2017